O ciclo Faísca Cultural da USC pon o foco na influencia dos medios dixitais nas nosas vidas

martes, 12 de novembro do 2024 S. P.

O ciclo Faísca Cultural da USC vai poñer o foco, esta tempada, na influencia crecente dos medios dixitais nas nosas relacións afectivas (políticas e persoais) e no seu poder transformador. As charlas desenvolveranse estes meses en distintos centros do campus compostelán da USC. Serán sesións abertas a toda a comunidade universitaria, nas facultades de Ciencias da Educación, Ciencias Políticas e Sociais, Dereito, Filosofía, Medicina e Odontoloxía e Psicoloxía.
A próxima Faísca será o vindeiro mércores 13 na Facultade de Psicoloxía e leva por título Violencia de xénero na era dixital: desafíos contemporáneos e prevención da violencia contra as mulleres. A partir das 18.00 horas na Aula 10, o alumnado do mestrado en Psicoloxía, coordinado pola profesora Cristina Gómez Román, reflexionará sobre como as tecnoloxías dixitais están a transformar as formas de violencia de xénero, introducindo novas manifestacións de abuso que, a miúdo, permanecen invisibles. A partir dos conceptos teóricos sobre a violencia contra as mulleres, abordaranse os novos retos contemporáneos, como o acoso dixital, a violencia nas relacións de parella a través das redes e a trata de mulleres en contextos dixitais. A actividade estará directamente vinculada coa preparación para o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N).
Os afectos dixitais e a súa incidencia nos dereitos da personalidade será a seguinte Faísca, o día 19 na Facultade de Dereito, na que participarán estudantes do primeiro curso do grao. Coordinado polas profesoras Antonia Nieto Alonso e Julia Ammerman Yebra traballarán sobre os dereitos da personalidade baseándose en varias obras da exposición.
Xa o 21 de novembro, ás 10.00 horas no laboratorio de Neuropsicoloxía da Facultade de Psicoloxía, o alumnado do mestrado en Psicoloxía Xeral Sanitaria, coordinado pola profesora Montserrat Corral Varela, realizará unha actividade centrada no cyborg como ser formado por materia vida e dispositivos electrónicos. Reflexionarán sobre as interfaces biolóxicas humano-máquina na atención a persoas con dano cerebral adquirido con amnesia. En concreto, analizarase a obra Transplant de Quimera Rosa. Esta faísca repetirase o día 28.
Ademais, a Facultade de Xeografía e Historia será o escenario da Faísca do día 26, Tecnoloxías sociais táctiles e consentimento exploradas en proxectos artísticos, na que a artista interdisciplinaria Laura A. Dima presentará, dentro do Seminario Futuros Urbanos, a súa investigación sobre as tecnoloxías sociais táctiles e proporá ás persoas participantes á elaboración conxunta dun protocolo sobre o que consentimos e o que non deberiamos consentir nos medios dixitais.
As faíscas do mes de novembro rematarán nas facultades de Filosofía e Medicina, cos títulos Emocións, ciencia e creatividade no mundo dixital e Emoción expandida: moléculas e máquinas, respectivamente. A primeira delas será o 27 de novembro e consistirá nunha mesa redonda na que Pilar del Puerto, unha das artistas da exposición; Germán Sierra, profesor de Neurociencia da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC; Xavier de Donato, profesor de Filosofía da USC, e Aránzazu Pérez, co comisaria da exposición, reflexionarán sobre os condicionantes dos medios dixitais no ámbito creativo. Na segunda, o profesor Germán Sierra acompañará o alumnado da materia Neuroquímica do mestrado en Neurociencia nunha visita guiada co comisariado da exposición para discutir o impacto dos medios dixitais nas emocións humanas.
As Faíscas Culturais son proxectos artístico-pedagóxicos que se sitúan na intersección que existe entre o coñecemento académico e a expresión artística. Trátase dunha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.