O certame de modelado en 3D para móbiles da USC repartirá máis de 7.000 euros en premios

martes, 4 de decembro do 2012 Redacción

O grupo de investigación USCAN3D da USC presentou este martes, na Escola Politécnica Superior de Lugo, o primeiro Campionato Nacional de Modelado 3D de Precisión para Móbiles, unha innovadora actividade, pioneira en España, que se dirixe a alumnos de cuarto de ESO e Bacharelato de institutos de toda España coa arela de espertar as súas vocacións científicas a través duns recursos cos que conviven especialmente: os seus trebellos. O certame, do que falamos hai pouco nesta web para informar da súa metodoloxía e obxectivos, conta cunha web de seu, d3mobile.es, onde poderemos informarnos de todo o relativo a esta proposta, xa coñecida tamén como D3Mobile Metrology League. Por certo que, segundo se fixo saber en Lugo, haberá 7.000 euros en premios para repartir.
O acto de presentación contou coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor adxunto de Investigación do Campus de Lugo, Pablo Ramil; o delegado de Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro Iglesias; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Manuel Vila; o manager de vendas da Unidade de Empresas Vodafone, Francisco Salgueiro; o director do proxecto, Juan Ortiz Sanz; e Mariluz Gil Docampo, coordinadora do Grupo de Investigación USCAN3D.
Formato do certame e premios
O profesor da USC Juan Ortiz, director do proxecto, explica as razóns que motivaron a súa creación: “Os modelos 3D de precisión empréganse de continuo en eidos tan próximos á cultura xuvenil como o cinema, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos... Os mozos sorprenderanse das posibilidades que ofrece un teléfono móbil para a realización de modelos deste tipo, do doado que resulta facelos e do rápido que acadan resultados mentres se divirten”.
Os participantes deberán organizarse en grupos de 2-4 compañeiros e buscar o apoio dun profesor. Os alumnos aprenderán a elaborar modelos tridimensionais cos seus terminais móbiles, o seu propio ordenador e un software fotogramétrico libre: “A habilidade no manexo das novas tecnoloxías por parte dos máis novos garante que en dúas tardes ou incluso en menos tempo se adquiran as destrezas necesarias para participar no campionato”, explicaron os responsábeis do proxecto.
O certame desenvolverase cen por cen en liña e consistirá, como avanzamos, en coñecer que equipo é quen de medir e modelar obxectos en 3D coa maior calidade métrica e visual, con premios para os mellores traballos. “O obxectivo último é inculcar nos máis novos os conceptos de experimento e método científico, así como a importancia na toma de decisións a partir da análise dos resultados dun proceso experimental, ademais de espertar a vocación pola cultura científica a través dun instrumento tan prezado e familiar para eles como é o seu teléfono móbil”, indicou Juan Ortiz.
Acerca dos recoñecementos, dicir que segundo se informou este martes en Lugo haberá premios para todas as categorías que abrangue o campionato: máis de 7.000 euros. O período de inscrición ficará aberto ata o 21 de xaneiro, data na que se fará pública a primeira das probas que haberá que resolver. Ata o mes de maio irán colocándose na web novas probas, e o 3 de xuño publicaranse os resultados. Toda a información relativa ao campionato irá incorporándose á web do certame, operativa en breve.
Apoios a mans cheas
Este proxecto, promovido desde o Grupo de Investigación para a Documentación en 3D da USC (USCAN3D), foi un dos 212 elixidos de entre os 1.295 presentados este ano á convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación, que outorga a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). O Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Centro Nacional de Información Geográfica (CNIG) forman parte tamén do grupo de entidades organizadoras.
Entre os patrocinadores figuran a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación Vodafone España, ademais da propia Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo. Gobernos doutras comunidades autónomas (entre eles o Goberno de Navarra e a Xunta de Castela e León), asociacións de pais e docentes, centros de ensino secundario e empresas do ámbito tecnolóxico colaboran tamén co proxecto.
Juan Ortiz salientou tamén a importancia que ten “o feito de que un grupo de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo trate de fomentar as vocacións científicas e achegue así a Universidade aos alumnos en etapa escolar, involucrando neste fin diferentes entidades de prestixio nos campos da educación, a investigación, a fotogrametría, a metroloxía, a información xeográfica, a accesibilidade e a telefonía móbil”. E engade, ao fío dos obxectivos e arelas propostas en virtude dos devanditos apoios: Grazas a esta colaboración, será posible incidir tamén nalgunhas carencias relacionadas co uso pouco axeitado no ensino das unidades de medida no sistema educativo do país, detectadas polo CEM, promover a cultura xeográfica entre os estudantes de secundaria (en relación cos obxectivos e funcións do CNIG) e sensibilizar os mozos sobre a importancia da accesibilidade para todos que promove a Fundación Vodafone”.
Para quen queira afondar un pouco máis cara a onde se dirixe este interesante e innovador proxecto galego, dicir que está a disposición da comunidade internauta un vídeo de presentación en Full HD a través de Dropbox e outras pezas en YouTube sobre exemplos de modelado en 3D realizado co software do campionato, entre outras moitas achegas de material de documentación.

PUBLICIDADE