O centro de coworking A Proa de Ames bota a navegar con 36 postos de traballo e cun marcado rumbo TIC

mércores, 10 de novembro do 2021 S. P.

Este 10 de novembro inaugurouse oficialmente o que está chamado a ser un dos grandes centros de emprendemento innovador (innovador pola forma e o contido) da contorna de Compostela. Estamos a falar do centro de traballo colaborativo A Proa, situado nos lofts do Polígono de Novo Milladoiro (Ames), que se integra na Rede de Centros de Coworking da Deputación da Coruña (unha rede co-impulsada polos Concellos e a entidade provincial e constituída xa por nove centros na provincia). De feito, A Proa foi inaugurado polo alcalde de Ames, Blas García, e o presidente da Deputación Valentín González. O centro porá o foco nos sectores audiovisuais nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Participaron na inauguración unhas cen persoas, entre representantes de todos os grupos da Corporación municipal, empresarias e empresarios e múltiples medios de comunicación. Tamén fixeron acto de presenza o delegado do Goberno en Galicia e ex-rexedor de Ames, José Miñones, e Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica.
Todos eles coincidiron en agradecer a persoal técnico, departamentos e institucións o seu traballo dende os primeiros pasos do proxecto, que comezou no ano 2016. A encargada de conducir o acto, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, recordou “o esforzo realizado ao longo dos dous últimos mandatos” e tivo palabras para enxalzar o labor da súa predecesora no cargo, Isabel González, así como o dos técnicos de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja, Jorge Couñago e Lorena Gómez todo o traballo realizado nos últimos anos.
O seguinte en intervir foi o delegado do Goberno en Galicia e ex-alcalde de Ames, José Miñones, que recordou que A Proa foi un dos seus principais proxectos durante a súa estadía no Consistorio e que mostrou o seu firme convencemento en que o novo centro de traballo colaborativo nace para “ser un referente no emprendemento local”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de apoiar iniciativas de este tipo que favorecen a activación da economía e evitan a emigración de persoas e talentos.
“A día de hoxe hai dez centros en funcionamento como este na provincia da Coruña e máis de 200 persoas que non tiveron que iniciar o seu soño laboral en Londres, Francia ou Madrid, e que agora o poderán facer aquí, en Ames, no seu territorio, na súa provincia”. Formoso gabou tamén o espírito emprendedor de Ames, “que se traduce en cifras de xente nova, creación de emprego e aumento da poboación”.
Por último, o alcalde de Ames, Blas García, quen incidiu “nun dos grandes valores do concello”, que son as empresas dos sectores audiovisuais e tecnolóxicos. “Ames ten un tesouro neste Polígono do Novo Milladoiro, que é o sector do audiovisual e das tecnoloxías da información. Aquí hai empresas importantes de software e de tecnoloxía, e estanse a facer series para Netflix, para Amazon ou para a Galega”, engadiu.
36 postos de traballo
O novo centro de coworking conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, zonas de recepción, descanso, reprografía e aulas de formación e eventos. O técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou os nomes atribuídos a cada espazo, seguindo a temática marítima que envolve ao local. En concreto, Marusía, Nordés, Amura, Norai, Sala de lecer e Sala de máquinas son os seis ambientes escollidos polas técnicas e técnicos implicados no proxecto. Segundo dixo, as instalacións “están especialmente pensadas e orientadas cara ás novas apostas de emprendemento nos sectores do audiovisual e da tecnoloxía, reservando os seus postos a dous tipos de proxectos”.
Por unha banda, as usuarias e usuarios en fase de preincubación, é dicir, con iniciativas empresariais previas á posta en funcionamento, e por outra, as empresas en fase de incubación, con menos de dous anos de antigüidade.
O prazo máximo de uso dos espazos para os proxectos en preincubación será de 12 meses, mentres que para os que estean en fase de incubación será de 18 meses, cun máximo de tres postos de traballo por proxecto. De así desexalo, establecerase unha prórroga de seis meses, previa solicitude xustificada. No caso dos usuarios e usuarias puntuais, poderán solicitar a aula de formación e eventos, co fin de realizar accións vinculadas á súa actividade empresarial ou ao emprendemento.

PUBLICIDADE