O cemiterio de San Froilán de Lugo ofrece unha xira virtual polas súas instalacións

venres, 14 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Visitar (e redescubrir) Lugo dunha maneira tecnolóxica é posíbel. Se recentemente falamos da iniciativa do Concello para mostrar os detalles e historia das portas da Muralla Romana en clave de Realidade Aumentada, esta semana o Goberno local de Lara Méndez deu a coñecer a posibilidade de facermos unha xira virtual polas instalacións do Cemiterio Municipal de San Froilán, un dos máis relevantes (por historia, por interese cultural e artístico) dos camposantos galegos e estatais.
O tour virtual, que conta con 79 fotografías panorámicas 360º, foi dado a coñecer pola concelleira de Concello e Cidadanía en funcións, Rosana Rielo, quen enmarcou esta nova acción de difusión do cemiterio como “recurso patrimonial, histórico e turístico”. Nas súas palabras, “trátase dunha forma innovadora de coñecer o Cemiterio Municipal que ofrece, a través dos ollos de Álvaro Barreiro, os distintos monumentos do camposanto, persoeiros destacados, ou incluso a propia capela, entre outros”.
Como dixemos, a xira virtual conta con 79 fotografías panorámicas en 360 graos, con 291 marcadores puntuais, 47 imaxes que son puntos de interese, 11 documentos explicativos e 2 galerías de fotos do Mauselo da familia Ventosinos e do Panteón de García Abad. As persoas interesadas en realizar este tour polo cemiterio, que atesoura importantes recoñecementos como os premios de Mellor Monumento Arquitectónico de Cemiterios de España e o de Mellor Actividade de Portas Abertas de Cemiterios de España, poden acceder a través da web cemiterio.lugo.gal.

PUBLICIDADE