O célebre Guacamelee! destaca no novo Humble Bundle

martes, 18 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Durante as vindeiras 2 semanas vai ser posible facerse co Humble Indie Bundle 11, un lote de xogos independentes dispoñibles na súa maioría para Windows, OS X e Linux por un prezo a elixir polo usuario e que, de superar o prezo medio (pouco máis de 3 euros) inclúe tamén un par de xogos desbloqueables, indo a parar parte dos beneficios a entidades benéficas (Froteiras Electrónicas e Child’s Play Charity). Como incentivo, os usuarios que paguen máis de 1 dólar poderán incorporar os xogos na súa biblioteca de Steam.
Estamos ante un lote composto por ata 6 xogos, cun prezo de mercado de 86,94 euros, polo que calquera dos seus títulos son de suficiente entidade como para consideralos títulos independentes de grande calidade, comparables a moitos outros xogos de grandes selos, pero hai un en concreto que destaca: o xogo de plataformas Guacamelee!, que vén a ser unha sorte de Metroidvania ambientado nun mundo máxico de inspiración mexicana no que non falta o humor e que incluso conta cun modo multi-xogador cooperativo a pantalla partida.
Outro título de grande factura neste Humble Bundle sería Giana Sisters: Twisted Dreams, que é outro título de plataformas cun apartado gráfico especialmente coidado que veu a luz grazas á comunidade de Steam Greenlight; e ao que súmanse Dust: An Elysian Tail e The Swapper.
Os xogos desbloqueables ao pagar máis que a media son, polo momento, Antichamber e Monaco: What’s Yours Is Mine.


Vídeo promocional do Humble Indie Bundle 11

PUBLICIDADE