O catálogo e a web de Ikea da Coruña terán versión na nosa lingua
luns, 26 de abril do 2010
Ikea, a superficie de venda na que primeiro pensan moitas das persoas acabadas de chegar a un piso, disporá de emprazamento na Coruña. Isto terá sobre o papel unha serie de consecuencias, entre as que se contan as seguintes: poríase fin a esa teima dos galegos de coñecermos a fermosa cidade do Porto polo polígono industrial que dá acubillo a Ikea, e tamén, suporía un certo proceso de galeguización da multinacional. Isto, como dixemos, será sobre o papel, xa que logo a realidade ben poderá ser outra. Sobre o segundo punto, o da aposta de Ikea por deixarse galeguizar (cousa lóxica se temos en conta que vai vender aquí e empregar a xente de aquí), tense especulado moito e logo de tanto debate xa estabamos convencidos de que a comunicación en liña non ía incluír á nosa lingua. Con todo, informa Xornal, a realidade será diferente.
Segundo se apunta desde este medio galego e se reflicte na web da CiberIrmandade, o catálogo en papel e máis a páxina web da tenda coruñesa de Ikea (que abrirá o vindeiro 20 de xullo) contará con cadansúa versión en galego. Isto será unha realidade a partir de setembro. Ao parecer, así o confirmaron fontes da empresa, que engadiron que malia que no formulario da Rede para optar a un posto non existía a posibilidade de reflectir os coñecementos do noso idioma, “as persoas que coñecen galego se valoran, xa que todo o que poida achegar un candidato é benvido”.