O casco de realidade virtual Oculus Quest 2 chega ás tendas para popularizar a VR sen cables

martes, 13 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O casco de realidade virtual chamado a revolucionar o mercado, o Oculus Quest 2, chegou por fin ás tendas, a un prezo de 349 euros para a súa versión con 64 GB de almacenamento interno e a 449 euros para a versión con 256 GB de capacidade, ao que poden engadirse accesorios como unha correa elite (que custa 49 euros mellor a comodidade do casco) e a correa con batería (á venda por 139 euros e que permite mellorar a autonomía do casco á vez que tamén inclúe unha funda de transporte).
O lanzamento deste produto é moi importante xa que supón a consolidación do formato de cascos de realidade virtual autónomos, iniciada polo primeiro Oculus Quest, pero que non conseguiu chegar a todo o público que debería, en boa medida polos problemas de abastecemento que agora parecen solucionados.
Este casco de realidade virtual pode ser o que finalmente abra camiño a prol desta tecnoloxía xa que, ao funcionar sen fíos permite unha comodidade e liberdade que achega unha experiencia moi satisfactoria, contando no seu catálogo con xogos moi atractivos como Beat Saber ou Vader Immortal, para os que conta con potencia dabondo, mentres que para títulos máis esixentes ten unha opción realmente impresionante, que consiste no uso dun cable USB-C (chamado Oculus Link na súa versión oficial) para comunicar o casco cun ordenador persoal potente, de xeito que o ordenador pode correr o sistema de realidade virtual mentres que o casco funciona só como visor, facendo así totalmente prescindible a liña de cascos de ordenador Oculus Rift, xa que o novo produto xunta ambos universos.
Aínda que a realidade virtual a través dun cable de certa lonxitude poida resultar práctica, nos últimos meses xurdiu unha killer application chamada Virtual Desktop, que aínda que basicamente está pensada para ver e controlar escritorios informáticos no casco de realidade virtual, mediante un parche permite activar as funcións do cable Oculus Link a través de redes sen fíos con boa velocidade, ou sexa, que se temos unha rede Wi-Fi doméstica na banda dos 5 GHz podemos gozar da realidade virtual de escritorio sen cables, o que supón a auténtica revolución dos casco Oculus Quest 2, que convértese nun dos produtos máis atractivos do ano e con mais posibilidades para influír na realidade virtual para PC, que pode así dar un bo salto cara adiante.

Vídeo promocional do casco Oculus Quest 2

PUBLICIDADE