O campionato galego D3Mobile, referente internacional en formación STEM

mércores, 17 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 141.9 KB
De esquerda a dereita, Marcos Arza, Mariluz Gil Docampo, Teresa Rego e Juan Ortiz, integrantes do grupo GIGEO

As contribucións do proxecto D3mobile do Grupo de Investigación de Enxeñaría Civil e Xeomática (CIGEO) da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) veñen de ser obxecto de estudo na IEEE Geosciencies and Remote Sensing Magazine, unha das máis sobranceiras e prestixiosas revistas estadounidenses de investigación no ámbito das xeociencias. Máis polo miúdo, o que figura no artigo é un repaso polos logros das cinco primeiras edicións do certame D3Mobile Metrology World League, campionato educativo internacional de modelado en tres dimensións que, segundo sae fai saber, foi quen de espertar un crecente interese entre os escolares polas titulacións e a investigación en enxeñaría, xeomática, metroloxía e 3D.
Isto cobra aínda máis importancia se temos en conta que a demanda do mercado de profesionais STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cobra cada ano máis peso, e que, segundo os últimos estudos, o número de estudantes que inicia estudos superiores nestes ámbitos está lonxe de poder cubrir as necesidades do mercado, xa que faltan vocacións científicas e técnicas, unha conxuntura que (precisamente) pretende mudar o grupo de investigación de Enxeñaría Civil e Xeomática (CIGEO) da USC a través do proxecto D3Mobile.
Como lembraremos, este campionato científico lanzando dende o Campus de Lugo permite aos estudantes familiarizarse con conceptos de enxeñaría, estatística, metroloxía e xeomática, entre outros. En termos máis concretos, os participantes introdúcense no mundo do escaneado 3D mediante fotogrametría (a ciencia da medida mediante fotografías) utilizando como únicas ferramentas a cámara do seu teléfono móbil/tableta e software gratuíto. Mediante unha metodoloxía de ensino a distancia (e-learning) o alumnado aprende a medir coordenadas do mundo real cos seus propios dispositivos.
No devandito artigo publicado en Estados Unidos faise saber que o éxito deste proxecto STEM radica na facilidade de implantación na aula, ao tratarse dunha metodoloxía en liña que a fai compatíbel co traballo de clase en case calquera plan de estudos do mundo. Segundo explica o profesor Juan Ortiz e director do proxecto, este iniciouse en 2012 co obxectivo de centrarse sobre todo en centros educativos españois. Porén, a boa acollida no plano estatal, cunha participación de 126 institutos, motivou aos organizadores a lanzalo a nivel internacional no seguinte ano, o que saldou coa mobilización de 1.476 estudantes de 44 países de todo o mundo participando na edición 2017 do campionato. Os gañadores da última edición, un equipo turco formado por dous alumnos liderados polo seu profesor, conseguiron alcanzar na proba de precisión erros medios inferiores á décima de milímetro.
As enquisas expostas aos alumnos trala súa concorrencia no D3Mobile reflicten “un especial interese entre os participantes por profesións relacionadas co desenvolvemento de contido en 3D”. As primeiras edicións deste proxecto contaron co soporte financeiro de diversas entidades públicas e privadas, que os autores incluíron no apartado de agradecementos do citado artigo internacional; todos eles contribuíron a que a D3Mobile sexa unha realidade hoxe: Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento; Centro Nacional de Metroloxía do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo; Fundación Española para a Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía e Competitividade; Xunta de Galicia; Concello e Deputación Provincial de Lugo; Universia do Banco de Santander; Fundación Vodafone; BQ, Autodesk, Fundación Mulleres, PCE Ibérica, Fundación Barrié, Fundación Comforp, Confederación Española de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA), Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), Universidade Tecnolóxica Nacional (Arxentina) e EDUCACION 3.0.

PUBLICIDADE