O campamento Innovation Start-up de Vigo acollerá a quince emprendedores para crear firmas de alto valor

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Redacción

O Innovation Start-up Camp xa ten gañadores este ano, pois o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Fundación Incyde e a Cámara de Comercio xa elixiron aos quince mozos recentemente titulados que dende a semana que vén e durante dous meses participarán neste encontro. Cómpre dicir que á convocatoria presentáronse persoas de distintos puntos da xeografía estatal e de diferentes titulacións e, de entre todos eles, no proceso de selección fíxose fincapé no seu potencial creativo e no seu espírito emprendedor, amais dos seus coñecementos en canto a novas tecnoloxías.
Nos case dous meses que dure a convivencia, un grupo de expertos en distintas áreas funcionais da empresa e das ferramentas tecnolóxico-dixitais asesorarán aos participantes os cales, entre o 12 de xaneiro e o 27 de febreiro, terán cubertos todos os gastos de traslado e hospedaxe.
E cal é o obxectivo deste campamento? A meta será identificar tres ideas innovadoras e desenvolver a partir delas unha oportunidade de negocio.
Para acadar este fin, tres grupos de traballo con perfís complementarios seleccionáronse experiencias curriculares variadas: enxeñarías de Minas, Informática ou Telecomunicacións, Dereito e Económicas, o Deseño gráfico, Turismo, Psicoloxía clínica ou Filoloxía.
Con este abano de profesionais perséguese crear empresas de alto potencial innovador, para o que se precisa da formación de equipos multidisciplinares para que durante sete semanas, nun ambiente no que se fomentará a creatividade e o coñecemento dos últimos avances tecnolóxicos, xeren ideas, deseñen prototipos, cren e comproben a empresa e, no caso de éxito, escalen o prototipo.
Por último, engadir un incentivo máis co que se atoparán os estudantes seleccionados para este campamento: no caso de que se chegue a constituír finalmente esa empresa, existirá a posibilidade de aloxarse de maneira gratuíta e durante un ano nunha das incubadoras do Consorcio da Zona Franca.

PUBLICIDADE