O buscador Atopo da Deputación de Pontevedra enriquécese cos fondos da Asociación da Prensa de Vigo

venres, 14 de xaneiro do 2022 S. P.

Atopo, o metabuscador de acceso libre e de balde da Deputación de Pontevedra, comezou o ano con importantes incorporacións, no camiño de achegar á cidadanía os fondos documentais e gráficos máis completos posíbeis sobre a historia dos concellos da provincia. Fíxoo coa inclusión do material gráfico da Asociación da Prensa de Vigo, grazas ao traballo realizado polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico provincial.
Segundo lembra a entidade provincial, os fondos da asociación foron depositados en 2006 no departamento provincial, dirixido pola deputada María Ortega, e posteriormente organizados e ordenados. “Quedaba pendente a catalogación do fondo gráfico, traballo que se abordou e finalizou durante 2021”, engade a Deputación, explicando que se trata de fotografías, diapositivas, tarxetas postais e outros soportes, achegando 509 rexistros no metabuscador e unha colección de material que “testemuña da vida política, social, económica e cultural de Vigo e da provincia de Pontevedra na segunda metade do século XX”.
Máis de 300 desas imaxes levan o selo de Ángel Llanos, histórico fotoxornalista vigués. O resto foron realizadas por outros recoñecidos fotoxornalistas dos medios galegos como Magar, Cameselle ou Rafa así como por fotógrafos da provincia (Terol, Pako, Manolo, C. Gómez, Raimundo Cal, Ruiz, Siorty…) que traballaban como colaboradores da prensa viguesa.
Como curiosidade o fondo conta con cinco fotografías enmarcadas das sucesivas xuntas directivas da Asociación entre 1942 e os anos 60 así como oito credenciais de diferentes reporteiros que traballaban en diferentes lugares da provincia como colaboradores da Hoja del Lunes.
Fundada en 1809 e presidida inicialmente por Miguel Fernández de Lema, a Asociación da Prensa de Vigo, unha das máis antigas do Estado, non consolidou a súa importancia ata 1924, cunha directiva liderada por Roberto Blanco Torres, e de xeito especial ata a aparición da Hoja del Lunes, en 1936, constituída como medio informativo propio.

PUBLICIDADE