O bo de explorar o mercado a través das redes, ao detalle na Coruña

martes, 23 de abril do 2019 Redacción

O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia organizou hoxe na sede de seu na Coruña unha nova xornada sobre innovación, emprendemento dixital e cousas que podemos facer para garantir, coa axuda das redes e das tecnoloxías, o éxito das nosas novas iniciativas empresariais. Amais, o encontro (inserido nas xornadas da Oficina de Transformación Dixital do ICOIIG), serviu para mostrar as posibilidades da prospección do mercado a través de Internet.
O primeiro dos relatorios veu da man de Luis García Deber e Rafael Vázquez, director xerente e economista social da Fundación Ronsel. Ambos expuxeron os modelos de emprendemento máis puxantes hoxe, debullando cales son as competencias emprendedoras máis valoradas e avaliando a metodoloxía Lean como “a máis eficiente e proveitosa para acometer un proxecto innovador de mercado”. Tirando proveito do modelo Canvas de negocio e analizando un caso concreto de éxito, García Deber e Vázquez salientaron tamén as vantaxes da versión dixital do emprendemento fronte ás feituras tradicional, “tales como a rapidez e o custo reducido no desenvolvemento dunha iniciativa profesional propia”.
A segunda xornada, a cargo de José Manuel Castro Pérez, responsábel de Vixilancia Competitiva do IGAPE, centrouse en varios casos prácticos cos que as persoas asistentes puideron comprobar como a identificación dos clientes é diferente segundo os diversos sectores aos que se dirixen os negocios. En concreto, presentáronse exemplos galegos dos sectores de materiais de construción, arquitectura efémera, comercio, industria agroalimentaria e turismo rural. Ademais, Castro Pérez facilitou información sobre o uso das ferramentas Hontza e Feedly+IFTTT, que permiten unha monitoraxe constante e sistemática do mercado para “recibir e tratar información referente a clientes, mercados, competencia”.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 23 de abril na Coruña enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE