O blogueiro Enrique Dans e Google participan este martes no Día de Emprendedor de Galicia

luns, 18 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

De xeito case inevitable, a cuarta edición do Día do Emprendedor en Galicia que se celebra este martes 19 de maio xirará en boa medida arredor dun eixe cada ano máis amplo e firme: o eixe da Rede. Así o reflicte o programa de actividades previstas para o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago (organizadas polo IGAPE e BIC Galicia e incluídas polo miúdo máis abaixo) e así nolo conta a presenza naquelas dunha chea de empresas vinculadas en maior ou menor medida ao dixital, como por exemplo Google, Bit Oceans ou Visual MS. Por certo que este escenario compostelán (no que participarán o blogueiro galego Enrique Dans e Carlos Barrabés, responsable dunha firma senlleira de éxito en liña: Barrabes.com) será a base do Día do Emprendedor na nosa terra e un foco de información de primeira orde para toda aquela persoa interesada en pór en marcha unha empresa, establecer ligazóns con outras empresas, atopar financiamentos ou simplemente escoitar o que contan outras na procura de consello externo.
Segundo sinala a organización, que sitúa o pulo ás novas tecnoloxías do coñecemento como unha das prioridades da xuntanza, está previsto que acudan máis de 2.000 persoas dende todos os recantos da nosa xeografía e máis alá.
A actividade, que xa vai pola súa cuarta convocatoria, conta co apoio do Ministerio de Industria. Entre as novidades que introduce esta edición cóntase un espazo de asesoramento individualizado e de balde para que todos os asistentes inscritos poidan propoñerlles as súas dúbidas a un equipo completo de expertos de diversas entidades de xestión empresarial
Segundo informan o IGAPE e BIC Galicia, as accións programadas para o Día do Emprendedor darán comezo ás 9.45, desenvolvéndose a partir dese intre nos distintos itinerarios organizados. Deste xeito, no apartado de Oportunidades de Negocio haberá unha mesa redonda sobre autoemprego e asociacionismo, coa participación de membros da Federación Galega de Xoves Empresarios, das Asociacións de Jóvenes Empresarios da Coruña, de Vigo, de Ferrolterra e de Pontevedra, e da empresa Mellora Consultants. En paralelo, neste mesmo panel temático, desenvolverase a intervención da directora do Proxecto GEM Galicia, Araceli de Lucas Sanz, quen ofrecerá unha visión do emprendedor tipo en Galicia.
Polo que respecta á Rede e o debate arredor das diferentes vantaxes que lle achega a un empresa, sexa do sector que sexa, dicir que o Día do Emprendedor en Santiago contará cun espazo específico que será inaugurado polo blogueiro e investigador galego Enrique Dans, quen afondará nas claves da Internet como vehículo e complemento da innovación.
A profesora da Escola de Negocios Caixanova Teresa Mariño abrirá o itinerario de Financiamento indicando as claves para conseguir recursos financeiros para un proxecto emprendedor. Mentres, Pedro Moneo, fundador e director xeral de Opino, iniciará o de Internacionalización coa intervención Emprender en tecnoloxías: Desde un proxecto ata Silicon Valley.
A continuación (10.30 horas), a colaboradora do think tank Infonomía Antonella Broglia analizará onde están as oportunidades de negocio, ao tempo que, noutra sala, a responsable de Produto de Marketing de Google, Isabel Salazar, impartirá o obradoiro Oportunidades de negocio na Internet.
Nos demais itinerarios, informa a organización, desenvolveranse a esta hora mesas redondas. Así, en Innovación abordaranse as empresas de base tecnolóxica, coas experiencias de emprendedores galegos punteiros, como Carmen Cerecedo, de Neoker, e Alberto Malvido, de Bit Oceans, e as explicacións do director xeral de Investigación, Ricardo Capilla, e do subdirector de Apoio á Contratación e a Emprendedores, Jorge Barros, sobre as liñas de apoio da Administración autonómica.
Pola súa banda, o director territorial de Caixa Galicia en Santiago, Juan Carlos Carneiro; o director de Operacións de Sogarpo SGR, Jorge Sales; o director comercial de Afigal, Gonzalo González e a responsable da Rede Bang da Confederación Empresarial de Ourense, María Fernández, afondarán nas claves para obter financiamento. Mentres, a venda e o financiamento internacional serán abordados polo director comercial do Departamento de División Internacional de Caixa Galicia, Luis Alberto Bleda; o director executivo de SOLAR PST, Pablo Fernández; e o delegado do Instituto de Comercio Exterior en Galicia, Javier Tena.
Trala sesión plenaria, prevista para as 11.45 horas (e na que participará o especialista en Internet Carlos Barrabés), proseguirán os itinerarios con diversos coloquios.
Emprender en tempos de crise centrará a derradeira mesa redonda do itinerario Oportunidades de Negocio. No debate intervirán o director xeral de Caixanova, Eduardo García Erquiaga; a presidenta de SECOT, asociación de executivos xubilados que presta asesoramento, Aurora López; e representantes das empresas Visual MS e Massantia. Neste mesmo espazo temático, noutra sala, representantes das asociación de autónomos ATA Galicia, Upta Galicia e da Federación de Empresarios da Costa da Morte, ofrecerán a visión deste colectivo. O itinerario de Innovación pecharase co obradoiro Viveiros de empresa: unha visión realista, no que participarán os promotores das empresas Biosgal, de Ourense, Destrudat e Bit Oceans, de Vigo e Enodest e FrutoDS de Ferrol.
Pola súa banda, o director de investimentos dos fondos de capital risco de Xesgalicia, José Manuel Ortigueira; o director corporativo de Investimentos de Corporación Caixa Galicia, Javier Carral; o xerente de investimentos en Vigo Activo SCRSA, Miguel Baltar; e o director de Operacións de Uninvest SGECR, Martín Rivas, debaterán sobre o capital risco e as claves para convencer a un inversor financeiro.
Canto á internacionalización, a derradeira mesa redonda centrarase no tema Non poñer os ovos na mesma cesta: pódese vender noutros países. Neste coloquio coñeceranse as experiencias de dúas empresas con decidida vocación internacional como Selmark e Pescatech Vigo. Ademais, a responsable do departamento de Promoción Exterior da Cámara de Comercio de Vigo, Pilar Rey; o xerente desta mesma entidade, José Manuel García; e o coordinador do Servizo de Licitacións Internacionais da CEG, Javier Álvarez, afondarán na busca de novos mercados no exterior.

PUBLICIDADE