O blogue Aduaneiros Sem Fronteiras bota o peche
martes, 16 de outubro do 2007
O blog satírico Aduaneiros Sem
Fronteiras, que vén dando guerra dende marzo de 2004 botou o peche esta
semana por mor da reacción a un
dos deseños que publicaran sobre a poeta Yolanda Castaño baixo o título Tu Quoque Iolanda? e que provocou a
recepción dunha «ameaza de demanda
xudicial por delitos de inxurias con publicidade» subscrita por D. Pablo
Carvajal de la Torre,
representante legal da que se chegara a considerar como a musa
do Blogomillo.
Dende Aduaneiros cuestionáronse se pagaba a pena continuar a facer humor gráfico
en Galicia para desenvolver unha autocrítica do país, tralo que decidiron que o
peche da súa web era o máis coherente para non ter que continuar a actividade
baixo a constante coacción xudicial.
- A polémica imaxe de Yolanda Castaño emulando a Bruto
O deseño que levou a esta polémica era un simpático xogo que emulaba ós
recortables de bonecas (nos que se lles pode elixir entre distintos modelos de
roupa en papel para vestir ós manequíns bidimensionais) ó redor da figura de
Yolanda Castaño, a quen se lle podían colocar distintas prendas, entre as que
destacaba unha túnica ensanguentada e un puñal, que eran os elementos que daban
o título á escena (Tu Quoque Iolanda?),
pois se pretendía establecer un
paralelismo entre a traizón de Bruto a Julio César (ante a que o Emperador
romano dixera aquilo de Tu Quoque, Bruto?)
e o feito de que Castaño aceptara o seu posto como directora da Galería
Sargadelos mentres os actuais responsables do ente eran detractores da figura
de Isaac Díaz Pardo.
Parece así que a busca
dunha musa para o Blogomillo vai ter que volver a comezar, dado que o
incidente que levou ó peche voluntario de Aduaneiros podería ensombrecer a
imaxe pública da poeta, máis coñecida actualmente pola súa labor como
presentadora dun concurso da TVG.