O belén da rúa Berbetaña de Cangas acumula visitas virtuais de 26 países

xoves, 27 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa


O bo da cousas tecnolóxicas é cando cinguen mundos sobre o papel contrapostos. Nun principio, poucas cousas hai tan diferentes como as redes e un belén de Nadal, e sen embargo a mestura resulta todo un éxito na instalación tradicional do veciño de Cangas Francisco Martínez, que foi quen de sumar visitas virtuais dende 26 países. O belén está situado na rúa Berbetaña, na zona vella da vila do Morrazo, e abrangue unha superficie de máis de 23 metros cadrados. Ademais de polo seu tamaño e polo fermoso da súa disposición e elementos integrantes, salienta sen dúbida por incluír unha xanela a Internet, que é o mesmo que dicir ao mundo.
Segundo informa El Faro de Vigo, a instalación foi quen de amorear, en poucos días, máis de 720 visitas de máis de dúas ducias de países diferentes, e todo a través da web belendecangas.com. A páxina, malia estar en parte en construción (estamos á espera do vídeo sobre a construción, remate e presentación do belén actual, que se suma a unha listaxe que se remonta a 1997), vén a conto para lembrarnos, sexamos ou non seareiros do Nadal, que onde estea un tradicional nacemento, feito con dedicación, mellor que se quite calquera outro adobío. Por certo que o belén, amais de na web de seu e no Facebook, pódese visitar en persoa, todos os días de 17.30 a 20.30 horas e ata o vindeiro 6 de xaneiro.

PUBLICIDADE