O arrepiante Resident Evil Village sae á venda

venres, 7 de maio do 2021 Marcus Fernández

A oitava entrega principal da franquía Resident Evil xa é unha realidade, e dende hoxe está dispoñible para PS5, PS4, Xbox Series X|S, Xbox One, PC e Stadia Resident Evil Village¸ que continúa polo vieiro dos survival horror con gráficos ultrarrealistas nunha nova historia situada anos despois de Resident Evil 7, na que un Ethan Winter recuperado dos pesadelos do pasado vese arrastrado aos infernos unha vez máis para traer de volta á súa filla secuestrada polo mesmísimo Chris Redfield.
No xogo haberá que explorar unha pequena aldea a carón do Castelo Dimitrescu, de xeito que desta volta non teremos que movernos por ambientes claustrofóbicos, senón que teremos unha grande variedade de escenarios, que van dende unha aldea cuberta de neve até un castelo gótico, tendo que enfrontarse a novas ameazas facendo un uso medido de recursos como a munición ou as herbas curativas, en claro contraste coas entregas máis de acción que formaron parte da franquía hai anos e que levaron á fatiga da serie.
Os usuarios que adquiran Resident Evil Village poderán facerse co xogo competitivo en liña Resident Evil Re: Verse que estará dispoñible o vindeiro verán. Tamén cómpre lembrar que os que se fagan co xogo para Stadia até o 21 de maio poderán recibir se cargo adicional a Premiere Edition de Stadia, ou sexa, un mando de Stadia e un Chromecast Ultra cun adaptador de corrente que conta con porto Ethernet por se queremos gozar do xogo na nube coa conexión máis estable posible.

Tráiler de lanzamento de Resident Evil Village

PUBLICIDADE