O ano que vén os Pokémon saltarán ao mundo real dende o noso móbil

xoves, 10 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A franquía de Pokémon vai saltar bastante lonxe das consolas de videoxogos portátiles onde se fixo popular, dentro da nova estratexia de Nintendo na súa aposta polos dispositivos móbiles, pero sen chegar a trasladar a súas sagas de éxito, ou sexa, que non imos ter un Pokémon ordinario para smartphones e tabletas, senón que en 2016 vai estar dispoñible para a súa descarga de balde o xogo Pokémon GO, que levará a diversión ao mundo real.
Este novo xogo para Android e IOS permitirá empregar localizacións reais nas que os xogadores poderán atrapar, intercambiar e competir utilizando a información xeográfica, de xeito que ínstase aos usuarios a percorrer os seus barrios, comunidades e contorno habitual para descubrir criaturas Pokémon de amigos e outros xogadores.
Temos así unha experiencia que lembraría a xogos como o español Invizimals ou incluso o galego War of Sides, pero aproveitando o mundo de Pokémon para atraer a unha grande masa de usuarios para animalos a investir os seus cartos en compras dentro da aplicación (modelo de negocio predominante actualmente no sector móbil).
Para este desenvolvemento Nintendo conta coa axuda de Niantic, compañía coñecida polo xogo de realidade aumentada Ingress, que é todo un referente no sector, polo que a combinación da súa experiencia no contorno móbil coa da compañía nipoa nos xogos de consola pode levar a un grande éxito polo que aínda haberá que agardar meses, e que, para ampliar a súa experiencia máis aló do móbil, contará cun accesorio para smartphones, o Pokémon GO Plus, que enlazarase co smartphone a través de Bluetooth para permitir executar accións (como atrapar un Pokémon premendo un botón) e recibir notificacións (acendéndose e vibrando cando teñamos un Pokémon preto).

Vídeo promocional de Pokémon GO

PUBLICIDADE