O animador Raul García falou na Coruña sobre o futuro da animación e as oportunidades das novas plataformas

xoves, 12 de marzo do 2015 Redacción

Este mércores celebrouse na Coruña un coloquio sobre o presente e o futuro da animación, unha cuestión que inevitábelmente atinxiu ás novas tecnoloxías e as súas posibilidades na industria: dende o micromecenado que posibilitan as plataformas específicas até os novos recursos de rodaxe, creación de escenarios e distribución. O coloquio, organizado polo CLAG (coa colaboración da Fundación Averhó e o Concello), contou coa presenza dun relator que coñece a fondo todos os elos da cadea de produción audiovisual: o madrileño Raúl García, animador e director de cinema con residencia actual en Los Ángeles, Estados Unidos. Na súa intervención falou das claves para crear animación “con gancho” e, tamén, das oportunidades que brindan os novos xeitos de crear e subministrar cinema.
Á cita acudiron máis de cincuenta profesionais e estudantes do sector audiovisual e da animación. Foi inaugurada polo presidente do Clúster Audiovisual de Galicia, Andrés Barbé, e proseguiu co relatorio de Raúl García, que abriu a intervención lembrando aos presentes o bo estado de saúde da animación, malia as moitas cousas que ten en contra, por exemplo o custoso que resulta. Sobre os diferentes medios de exhibición das producións, o animador que a día de hoxe o que semella imporse son os produtos híbridos, nos que se esvaecen as fronteiras entre animación e imaxe real. Acerca da televisión, o director diso que é “o medio ofrece máis oportunidades aos profesionais do sector nestes momentos e explicou que as series de televisión animadas implican un proceso máis tardío onde o risco que se asume é menor con respecto ao cinema”. En relación ás novas plataformas dixitais de distribución, por exemplo Netflix, o relator opinou que lles parecen un eido a explorar, “un eido que sen dúbida está a mudar o panorama da industria tradicional”.
Xa enfiando o remate da súa intervención, os asistentes preguntaron a Raúl García acerca do futuro da animación, ao que este respondeu que “estamos nun período de transición onde están cambiando os hábitos dos consumidores de produtos animados, no que nunca antes se fixera tanta animación para televisión e no que as novas plataformas de distribución de contidos obrígannos a adaptarnos a un novo escenario”. Durante a charla tamén se abordaron outros temas de interese, tanto para os actuais como para os futuros profesionais do sector da animación.
Raúl García tamén impartiu, o mércores pola mañá, unha clase mestra sobre A importancia dos principios da animación. A sesión foi dirixida aos alumnos da Fundación Averhó e durante a mesma o director madrileño explicou que a animación “non consiste só en mover os personaxes, hai que dotalos de vida, actitude e personalidade, asegurou”. Tamén salientou que a base de toda animación, con independencia de que estea feita en 2D ou 3D, “son os comezos da animación”. Para explicalos fixo referencia ás leis de Newton: “Á hora de animar hai que ter en conta a gravidade, o peso e que o corpo tende a volver ao estado de repouso”.

PUBLICIDADE