O alumnado galego pode participar no desafío Atrévete coa Aeronáutica! de Galiciencia

martes, 31 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) desde o ano 2006 en colaboración coa Consellería de Economía e a FECYT (Ministerio de Ciencia e Innovación), chega este ano á súa 18ª edición. Será en maio, baixo o lema Aeronáutica e Aeroespacial. Incluirá un desafío científico para o noso alumnado.
Polo tanto, ademais do concurso de proxectos, convócase o desafío científico Atrévete coa Aeronáutica!, dirixido ao alumnado de 4º de Primaria a 2º de Bacharelato de toda Galicia. Poderán participar pequenos grupos de dous a tres integrantes de entre 10 e 18 anos.
Este desafío conta cunha primeira fase online que se superará participando nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse vía web, remata o 23 de febreiro. Será imprescindíbel ter participado nos tres retos en liña para chegar á fase final, presencial durante a celebración de Galiciencia, onde competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.
A finalidade desta proposta é inculcar nos máis novos a idea de que “a humanidade soñou con voar desde o principio dos tempos. En termos históricos, hai moi pouco que o conseguimos e, desde entón, non deixamos de avanzar”.

PUBLICIDADE