O altofalante Beoplay A1 promete até 24 horas de autonomía

xoves, 21 de abril do 2016 Marcus Fernández

Bang & Olufsen, baixo a súa marca B&O Play, presenta o seu altofalante portátil Bluetooth Beoplay A1, que presume de ser “autenticamente portátil” para música e chamadas xa que a súa batería de 2.200 mAh achega unha autonomía pode chegar até as 24 horas a un nivel de volume moderado. Pero este altofalante non se limite a ter unha boa autonomía, senón que tamén goza dun deseño moi elegante e de integrar as últimas versións das tecnoloxías propias dos produtos de electrónica de consumo, como o feito de que a súa batería se recargue mediante USB-C (soportando recargas a até 3 amperes) e o seu Bluetooth teña a versión 4.2 deste estándar de comunicacións sen fíos.
O Beoplay A1 está pensado para poder transportarse comodamente, para que poidamos escoitar música alí onde vaiamos; consegue ambientar o espazo coa tecnoloxía de son True 360 e consegue unha potencia de pico de 2 x 140 watts; o seu tamaño está contido nun diámetro de 13,3 centímetros e un grosor de 4,8 centímetros, de xeito que podemos sostelo na palma da man, e o seu peso queda nuns moderados 600 gramos; o seu exterior é resistente ao po e a salpicaduras (buscando a súa carcasa protexer os seus elementos electrónicos incluso de golpes e rabuñadas); integra un micrófono para poder empregalo como sistema de mans libres; ten unha correa que permite penduralo en case calquera curruncho (resultando bastante agradable esteticamente); e incluso pode optimizarse o seu uso mediante a súa aplicación móbil para iOS (que chegará a Android esta primavera).
Pese ás bondades deste altofalante portátil, que xa pode mercarse en dúas cores (branco-perla ou verde musgo), hai un grande atranco para a súa compra, xa que o seu prezo é de 249 euros, polo que estamos ante un produto que non está ao alcance de todos os petos.

O altofalante tamén pode adquirirse en cor verde musgo

Vídeo de presentación do Beoplay A1

PUBLICIDADE