O alcalde de Santiago congratúlase da decisión de emprazar a AESIA en Galicia

mércores, 7 de decembro do 2022 S. P.

O Concello de Santiago, a través do seu alcalde Xosé Sánchez Bugallo, emitiu un comunicado relativo á decisión do Goberno de emprazar na nosa terra (na Coruña) a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. O rexedor congratulouse desta histórica decisión, que culmina un importante traballo despregado en apoio á candidatura herculina, non só dende A Coruña senón dende cidades como Santiago: "Nós contribuímos cos medios que tiñamos ao noso alcance para apoiar a alternativa de A Coruña e congratulámonos de que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial se instale en Galicia". Con estas palabras, o alcalde celebrou a decisión do Consello de Ministros de emprazar este órgano en Galicia no marco do proceso de descentralización administrativa.
Explica o alcalde que, desde o minuto un “dixemos que, non sendo Santiago, a candidatura preferible era A Coruña” motivo polo que, “reivindicando o papel de Santiago como capital de Galicia” desde o momento en que o Nodo GalicIA escollera a cidade herculina como candidatura galega, e “a pesar de diferir no proceso de elección” decidiuse apoiar unha candidatura única retirando a de Santiago e poñendo a disposición desa candidatura os recursos de Compostela.
Tanto é así, dixo, que, moitos dos elementos que se empregaron para xustificar a candidatura coruñesa enmárcanse dentro do termo de Santiago e, polo tanto, ían ser empregados na proposta compostelá: desde servizos de titularidade autonómica como o Centro de Supercomputación de Galicia ou a AMTEGA; outros dependentes da USC e incluso o aeroporto Rosalía de Castro.

PUBLICIDADE