O acendido de novas frecuencias da TDT entrará en Galicia pola provincia de Lugo

martes, 13 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O acendido das novas frecuencias da Televisión Dixital Terrestre, que xa comezou en diversos recantos da xeografía española, entrará en Galicia pola provincia de Lugo, cuxos concellos serán incorporados ao proceso de maneira simultánea. O acendido lucense levarase a cabo no mes de setembro, sen que a irrupción das novas frecuencias signifique a desaparición inmediata das vellas canles (haberá convivencia entre outras e outras até o o mes de xaneiro, que será o intre definitivo do apagamento do segundo dividendo dixital).
En base a estas datas, as comunidades de propietarios terán un prazo aproximado de catro meses e medio (do 18 de setembro ao 24 de xaneiro) para adaptar as súas antenas e volver sintonizar as emisións.
As novas frecuencias comezaron a estar operativas dende o 24 de xullo en Mallorca, Eivissa, Formentera e nunha manchea de concellos de Cáceres e Huelva. Os traballos tiveron unha parada en agosto e en setembro, amais de en Lugo, trasladarase ás provincias de Albacete, Almería, Badaxoz, Salamanca e Santa Cruz de Tenerife, ente outras.
O acendido chegará a Pontevedra e Ourense no primeiro trimestre de 2020 (A Coruña está ceibe da adaptación de antenas).
Segundo informou recentemente o Goberno central, para facilitar o proceso de adaptación e achegar unha marxe razoábel, durante un tempo as cadeas de televisión emitirán de maneira simultánea a través das frecuencias nova e antiga (simulcast), antes de proceder ao apagado desta última.
O proceso, a nivel estatal, atinxirá durante seis meses a unhas 36.000 comunidades de veciños, nas que viven 760.000 persoas (que deberán contactar cun instalador rexistrado para realizar o cambios precisos nos sistemas de recepción dos seus edificios).
O cambio de frecuencias da TDT prodúcese a consecuencia da liberación do chamado Segundo Dividendo Dixital, pola que se despexará a banda de 700 MHz do espectro radioeléctrico, hoxe parcialmente ocupada pola TDT, para permitir aí o despregue de futuras redes de telecomunicacións 5G.
En cumprimento das obrigacións impostas pola Unión Europea, a banda de 700 MHz deberá estar plenamente dispoñíbel antes do 30 de xuño de 2020.
En total, de acordo ás estimacións realizadas pola Secretaría de Estado para o Avance Dixital, o proceso abranguerá ao redor de 850.000 edificios e 21 millóns de habitantes. Ficarán exentos dos cambios de frecuencias nas múltiples dixitais de ámbito nacional e autonómico Asturias, Barcelona, A Coruña, Menorca, Melilla e unha parte das provincias de Toledo e Murcia.
Os cidadáns e cidadás poderán consultar todas as súas dúbidas en http://www.televisiondigital.es/, e no teléfono 901 20 10 04 e no número gratuíto 954 30 65 01. A partir do 2 de agosto, este último será substituído pola liña de atención telefónica gratuíta 910 889 879.

PUBLICIDADE