O Zune HD sairá á venda nos EE.UU. no outono

mércores, 27 de maio do 2009 Marcus Fernández

Microsoft pon fin a distintos rumores sobre revisións do seu reprodutor multimedia portátil e unha posible consola de videoxogos portátil e presenta o novo Zune HD, que supón un importante salto adiante para o reprodutor desenvolvido pola compañía de Redmond, que non só mellora as súas prestacións, senón que tamén tende unha ponte co Bazar de Xbox LIVE.
O Zune HD chegará ao mercado norteamericano no outono, e sería o primeiro reprodutor portátil e integrar un receptor de radio HD (estándar empregado nos EE.UU. que vén a ser un híbrido entre a radio analóxica e a dixital cunha calidade comparable á do CD), saída de vídeo en alta definición, pantalla multi-táctil OLED (de 3,3 polgadas cunha resolución de 480 x 272 píxeles), Wi-Fi e navegador web.
Cómpre destacar que aínda que poida reproducir vídeos de alta definición de ata 720 liñas en progresivo, para acadar esta calidade será preciso utilizar unha pantalla externa a través dun porto HDMI, xa que a resolución de pantalla do dispositivo portátil está moi lonxe dunha resolución de 1.280 x 720 píxeles. Entendemos así que o HD do seu nome pretende destacar principalmente o uso de radio HD, o que resulta moi atractivo nos EE.UU. (onde esta tecnoloxía cubre aproximadamente o 87% da súa xeografía).
A conectividade Wi-Fi do Zune HD non serve só para visualizar páxinas web, senón que tamén pode empregarse para acceder por streaming a máis de 5 millóns de cancións da tenda musical do Zune (pois Microsoft quere promover a subscrición musical fronte a compra de temas soltos).
Polo momento non se anunciou nin a capacidade de almacenamento nin o prezo do novo Zune, pero tendo en conta que terá certa interacción coa Xbox 360 é de prever que no E3 da vindeira semana se dean máis detalles deste prometedor reprodutor que desta volta podería chegar a comercializarse en Europa.

PUBLICIDADE