O Zulo impulsa o seu proxecto para crear unha máquina recreativa aberta e libre
luns, 10 de febreiro do 2014
A Comunidade O Zulo segue a argallar novos xeitos de
introducir o software libre nas nosas vidas: primeiro coas múltiples
citas de impulso aos programas abertos celebradas dende Mugardos e
agora cun proxecto que estende as pólas do código aberto á nosa
capacidade de facer lecer tecnolóxico e dar conta del. Falamos do
Proxecto
Recreativa Galega, nado en 2011 e agora comezando a dar pasos
firmes, tal e como nos recorda Mancomún,
que salienta o potencial de divulgación open source da
iniciativa, e máis cando estamos a falar dunha proposta que convida
a retomarmos o espírito de xogo e participación das máquinas
recreativas. Co diferenza de que esta será de balde e aberta á
colaboración de todas e todas para darlle forma.
Como dixemos, o proxecto nace en 2011 cando os
integrantes da asociación comezaron a valorar a posibilidade de
mercar para a entidade unha máquina recreativa orixinal de
principios dos anos noventa. A compra non chegou a bo porto, pero
sobreviviu o espírito que a alentou. A partir de aí viñeron unha
serie de preguntas. Por exemplo: e se se xuntase o espírito de xogo
compartido que acompañaba naquelas anos as sesión co Street Fighter
cos conceptos propios do software libre? A priori, non semellaba
incompatíbel. Paseniño a cousa foi collendo impulso e a finais de
2013, contan os membros da asociación, retomouse o proxecto da
recreativa. Dende cero e dándolle un aire de comunidade de software
libre e un alicerce cen por cen galego.
A idea, que aínda está en desenvolvemento, é a
seguinte: crear unha máquina recreativa galega e libre. Claro está,
correrá sobre software aberto e non haberá necesidade de introducir
diñeiro. Farase con material de reciclaxe sobre todo. Engadiría
ademais tecnoloxía de acceso á Rede sen fíos, entre outros
recursos que permitirán usar a recreativa coma un computador persoal
ou como un reprodutor de música.
De xeito complementario, preténdese “documentar
todo o proceso, dende o deseño dos planos, os materiais, a cantidade
de pintura e a configuración do software”. Isto implica entre
outras cousas que se ceibe toda a documentación “para que as
persoas ou entidades interesadas usen e difunda libremente tódolos
datos do proxecto”, engádese. Tamén se busca dar forma a un
equipo heteroxéneo: xente de tódalas idades e de tódolos gremios,
co fin de favorecer máis marxe para a aprendizaxe mutua e
multidireccional. O obxectivo é que cada pouco se convoquen reunións
na sede de O Zulo, cada mes aproximadamente, para iren avanzando no
proxecto. Os integrantes do colectivo mugardés calculan que logo de
oito xornadas poderíase ter a iniciativa resolta, co fin de dala a
coñecer in situ no Kernel 2014 (o vindeiro mes de setembro).