O ZTE Axon 20 5G ocultará a súa cámara frontal baixo a pantalla

luns, 17 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Tras a normalización dos lectores de impresións dixitais integrados nas pantallas dos móbiles hai unha carreira por ver que compañía consegue unha solución semellante que permita ocultar na pantalla a cámara frontal, fuxindo así de pestanas, orificios e mecanismos retráctiles. Varias compañías amosaron os seus prototipos, pero finalmente ZTE sería o primeiro en fabricar masivamente un móbil cunha cámara tras a pantalla: o ZTE Axon 20 5G.
Este novo smartphone sairá á venda o vindeiro 1 de setembro, e aínda que non se presentou oficialmente, xa transcenderon as súas especificacións, deixando caer que será o vindeiro smartphone insignia da compañía chinesa. O ZTE Axon 20 5G presenta unha pantalla Full HD+ OLED de 6,92 polgadas que agocha un lector de impresións dixitais e unha cámara de 32 Mpíxeles, que serían invisibles cando non se empregan; a súa cámara traseira cuádrupla tería un sensor principal de 64 Mpíxeles; estaría dispoñible en configuracións con 6/8/12 GB de RAM e 64/128/256 GB de almacenamento interno, a súa batería sería de 4.120 mAh, o seu grosor quedaría en só 7,9 milímetros e pesaría 198 gramos.
En vista de toda esta información, só queda por saber o prezo de lanzamento en China e os plans da compañía na comercialización internacional deste dispositivo que podería ser o que marcase o camiño a seguir para normalizar os smartphones todo pantalla, para o que resultaría interesante que conseguisen tamén unha solución semellante para os sensores de infravermellos que facilitan o recoñecemento facial (o que podería erradicar as molestas pestanas superiores en pantalla).

PUBLICIDADE