O Yota3 sae á venda en China

mércores, 20 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Hai preto dun mes desvelouse o que sería a terceira xeración do YotaPhone, o revolucionario smartphone que dende 2013 sorprende pola incorporación dunha segunda pantalla de tinta electrónica, e finalmente o Yota3 xa está aquí, podendo adquirirse en tendas en liña chinesas a un prezo que parte dos 3.699 iuans (473 euros) aínda que o seu modelo superior chegaría aos 4.299 iuans (550 euros) de xeito que moveríase nun rango de prezos bastante complicado, aínda que as súas posibilidades de seguro que convencen a usuarios que valoran as pantallas de papel electrónico pola súa comodidade para a lectura e a súa autonomía.
O Yota3 é un smartphone que presenta unha pantalla Full HD AMOLED de 5,5 polgadas (fabricada por Samsung) na súa parte frontal, mentres que na traseira alberga unha pantalla de tinta electrónica de 5,2 polgadas que limita a súa resolución a 720p (o que supón unha importante mellora fronte ao modelo anterior, con pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles). O terminal funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 625, 4 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámara traseira de 12 Mpíxeles con apertura f/1.9, cámara frontal de 13 Mpíxeles con apertura f/2.2, lector de pegadas frontal, NFC, batería de 3.300 mAh recargable mediante USB-C, sistema operativo Android 7.1, un grosor de 7,9 milímetros e un peso de 179 gramos. Un produto máis que interesante, que como principal eiva ten o seu prezo de saída tan elevado.
Lembremos que a pantalla de tinta electrónica ten un consumo ridículo, xa que cando as imaxes están fixas en pantalla non gastan enerxía, polo que esta tecnoloxía é moi práctica para poder consultar detalles como a hora, ou para empregar o dispositivo como teléfono, evitando acender a pantalla principal para moitos usos frecuentes, e reducindo considerablemente o consumo enerxético. Amais tamén resulta cómodo á hora de empregalo como dispositivo de lectura, non só pola súa autonomía, senón tamén polo feito de que a pantalla de tinta electrónica pode lerse sen problemas baixo a luz directa, ou sexa, en exteriores. Importantes vantaxes que sorprende que non introduzan moitos máis fabricantes nos seus dispositivos.

PUBLICIDADE