O XPERIA Z2 pode mellorar a súa gravación de son cun micrófono estéreo externo

venres, 7 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Os smartphones actuais están a mellorar de xeito impresionante as súas capacidades de gravación de vídeo, e así temos que terminais como o Sony XPERIA Z2 son capaces de gravar vídeo a unha resolución de 4K (3.840 x 2.160 píxeles), pero o rexistro do son continúa a ser bastante limitado, de aí que Sony decidise incorporar ao seu catálogo un interesante accesorio: o micrófono estéreo STM10, que grazas á súa alta sensibilidade e as súas opcións direccionais (pode inclinarse 90 graos para conseguir o mellor resultado posible segundo como orientemos o móbil para rexistrar o son estereoscópico) consegue enriquecer as gravacións capturando a acción dun xeito moito máis realista.
O micrófono estéreo STM10 conéctase ao smartphone mediante mini-jack de 3,5 milímetros que tamén serve para tomar a enerxía coa que funciona. Ten unha configuración en patrón XY, comercialízase cun acabado de aluminio coas cores do XPERIA Z2 (smartphone para o que claramente está orientado este accesorio), está protexido por unha malla de aceiro inoxidable e inclúe unha espuma protectora (ideal para a gravación en exteriores). O seu rango de frecuencia é de 50 Hz a 20 kHz e a súa sensibilidade de -40 dBV/Pa (+/- 3 dB). Espérase que o seu prezo estea no contorno dos 50 euros.

O micrófono estéreo STM10 permite mellorar considerablemente a calidade dos vídeos gravados co Sony XPERIA Z2


Vídeo de presentación do micrófono estéreo STM10

PUBLICIDADE