O Walkman W252 contará cunha edición limitada de Metal Gear Solid

mércores, 12 de maio do 2010 Marcus Fernández

Pensando nos amantes do deporte Sony presentou o seu Walkman W252, que con forma de diadema libra ao seu usuario de cables incómodos, de xeito que este reprodutor multimedia quedaría practicamente limitado aos seus auriculares e só pesa 43 gramos. Tamén resulta moi atractiva a súa resistencia á auga (pensando máis na posibilidade de lavar o trebello que en utilizalo baixo a choiva).
Poderase adquirir en capacidades de 2 e 4 Gb por prezos de a partires de 59,95 dólares e destaca tamén pola súa autonomía de 11 horas (sendo capaz de funcionar durante 90 minutos tras unha carga rápida de só 3 minutos).
Pero se estas bondades non son suficientes, a compañía nipona decidiu lanzar unha edición especial este reprodutor de MP3 cunha aparencia de camuflaxe co gallo da posta á venda do xogo para PSP Metal Gear Solid: Peace Walker, do que tomará 6 temas da súa banda sonora que irán precargados na memoria do dispositivo.

PUBLICIDADE