O VAIO Tap 11 preséntase como un ordenador completo con forma de tablet

xoves, 5 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Parece que Sony soubo aprender a lección de Microsoft co seu Surface Pro, e antes de que a compañía de Redmond lancen a revisión do seu tablet/ordenador presentan o novo VAIO Tap 11, un impresionante equipo con Windows 8 e pantalla táctil de 11,6 polgadas que combina con fortuna a comodidade dun tablet coa funcionalidade dun ordenador persoal, para o que pode conectárselle un teclado con trackpad que fai á súa vez de tapa para protexer a súa pantalla durante o transporte.
Este atractivo dispositivo, cun delgado e resistente deseño, integra unha cámara traseira de 8 Mpíxeles, permite realizar anotacións en pantalla con seu lapis dixitalizador, conta con infravermellos para poder empregarse como mando a distancia universal e incluso ten conectividade NFC para facilitar o emparellamento con outros dispositivos como auriculares ou altofalantes sen fíos.
O VAIO Tap 11 funcionará cun procesador de nova xeración (ata un Core i7), a súa tapa-teclado pode cargarse estando conectada ao tablet, ten USB 3.0, lector de tarxetas SD, saída HDMI e batería cunha duración de ata 6 horas.

PUBLICIDADE