O Touchjet WAVE pretende poder converter os televisores en pantallas táctiles

xoves, 13 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Actualmente no mercado hai unha amplísima oferta de dispositivos que podemos conectar a un porto HDMI dun televisor para convertelo nun dispositivo conectado capaz de correr aplicacións para Android, de xeito que resulta moi práctico para a reprodución multimedia, acceder a contidos en liña ou incluso para presentar en pantalla grande contidos achegados dun dispositivo móbil, pero en Indiegogo está a ter grande aceptación un novo proxecto que dá un paso máis atrás, e aparte de meter Android no televisor, integra tecnoloxía infravermellos para detectar os xestos sobre a pantalla do televisor, converténdoo nunha especie de pantalla táctil ou encerado dixital a un prezo moi reducido, xa que as primeiras unidades, que entregaranse a partires de marzo de 2016 terían un prezo de 99 dólares (o que con gastos de envío sería pouco máis de 115 euros). O prezo tan agresivo do Touchjet WAVE levou a que non só superasen os 100.000 dólares do seu obxectivo en poucas horas, senón que nos dous primeiros días superaron os 200.000 dólares, o que levoulles a prorrogar o período promocional no que ofrecen o trebello ao prezo mencionado, que equivale a un desconto do 50% sobre o prezo que tería o dispositivo cando chegue ao mercado fóra do proxecto de micromecenado.
Esta atractiva solución funcionaría en pantallas de entre 20 e 80 polgadas, e aparte do sensor que converte a pantalla en táctil (soportando até 4 puntos táctiles), tamén permitiría o seu uso cun lapis dixitalizador (incluído) e operaría como un stick HDMI con Android ordinario, xa que está baseado nun procesador ARM de catro núcleos a 2 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e varias conexións USB. O seu software sería Android 4.4 con Touchjet UI, e incluiría aplicacións para compartir contidos multimedia e permitir o seu manexo a distancia, soportaría Miracast e incluso sería compatible co DLNA de iPhone.
Esta solución pode resultar interesante para o fogar, pero tamén para contornos profesionais nos que realizar presentacións interactivos e usos docentes, podendo converterse nunha das solucións de encerado dixital máis económicas e versátiles do mercado.

Vídeo de presentación do Touchjet WAVE

PUBLICIDADE