O Surface Book 2 chegará a España en poucas semanas

mércores, 17 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

En outubro de 2015 Microsoft sorprendeu presentando o seu Surface Book, un portátil convertible que converteuse o soño de moitos dos que non estaban conformes co formato dos equipos Surface Pro, e que precisaban tamén de maior potencia, pero este ordenador convertible en tableta que funciona tamén con lapis dixitalizador non chegou a comercializarse nunca en España, o que fixo que se abrise unha porta á esperanza o pasado outubro, cando presentouse o Surface Book 2, revisión cun grande salto de potencia e con dous tamaños de pantalla que entre as as súas novidades inclúe un porto USB-C, noutros momentos rexeitado por Microsoft por considerar que resultaba confuso para os consumidores.
Finalmente Microsoft anunciou hoxe que vai ampliar a distribución internacional deste novo Surface Book 2, tanto no seu tamaño de 13 como de 15 polgadas, iniciándose as reservas do segundo hoxe mesmo en 17 mercados, aínda que o máis salientable é que entre febreiro e abril desenvolverase unha segunda fase de distribución do produto na que estará incluída España, de xeito que en breve será posible mercar no noso territorio o Surface Book 2.
Os Surface Book 2 presumen dunha autonomía de até 17 horas de uso e integran procesadores Intel de 8ª xeración e gráficas discretas de nVIDIA (GTX 1050 e 1060) de xeito que son capaces de correr tanto aplicacións de alto rendemento como as experiencias de realidade mixta de Microsoft, á vez que tamén son grandes ferramentas artísticas ao poder empregarse sobre a súa pantalla o Surface Pen e incluso o Surface Dial.

PUBLICIDADE