O Supermartes foi todo un escaparate tecnolóxico na televisión norteamericana

xoves, 7 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 83.7 KB
John King amosou gráficos interactivos nunha pantalla táctil

Esta semana escoitamos nos medios falar do Supermartes norteamericano, que lonxe de contar con Xosé Manuel Piñeiro na pequena pantalla, serviu de plataforma para amosar novas tecnoloxías ó grande público segundo recolleu a revista Wired nunha interesante reportaxe.
As canles de televisión estadounidenses quixeron sorprender ás súas audiencias amosando pantallas táctiles, portátiles de última xeración e imaxes tridimensionais durante a cobertura do Supermartes, de xeito que parece firme a aposta pola tecnoloxía para informar sobre este tipo de eventos políticos.
A canle de novas por cable CNN foi unha das que máis tecnoloxía amosou esta semana, e o seu correspondente John King amosou distintos gráficos valéndose dunha pantalla táctil, o que lle permitía interactuar coa información presentada para estimar distintos escenarios posibles de xeito inmediato durante a animada xornada, resultando moi visual e efectivo. Durante outras conexións tamén se puideron ver televisións xigantes e moitos portátiles da marca Dell.

JPEG - 104.4 KB
A CBS estreou unha pantalla Elo TouchSystems

ABC News, pola súa banda, fixo uso do último en tecnoloxía, con gráficos de grande calidade procesados para a súa emisión simultánea a 1.080 liñas entrelazadas e 720 liñas progresivas, ou sexa, os usuarios con televisores tanto con alta definición coma con definición estándar puideron ver as emisión coa máxima calidade. No tocante ós portátiles, dende Wired destacaron o uso dun Lenovo ThinkPad T60s.
Para non quedar atrás, a CBS sorprendeu empregando unha pantalla de 26 polgadas con tecnoloxía Elo TouchSystems, ou sexa, toda unha primicia. Tamén se puideron ver pantallas de plasma Panasonic de 65 polgadas, retroproxectores e portátiles Toshiba M9.
Para rematar, Fox News sorprendeu por ser a única canle na que se utilizaron portátiles de Apple, pois un dos seus analistas empregaba un Macbook Pro con pantalla de 17 polgadas. Resulta curioso polo feito de que a Fox está asociada principalmente a unha audiencia conservadora, mentres que Apple é unha marca máis orientada a un público mozo e rebelde.

PUBLICIDADE