O Spider-Man de Insomniac Games estrea versión para PC

venres, 12 de agosto do 2022 Marcus Fernández

O aclamado xogo Marvel’s Spider-Man de Insomniac Games, lanzado inicialmente para PlayStation 4 e adaptado logo a PlayStation 5, chega hoxe finalmente a PC, de xeito que podemos adquirilo na tenda de Epic Games e en Steam a un prezo de 59,99 euros e non se limite a ofrecer as mesmas melloras que o xogo lucía en PS5, senón que tamén incorpora gráficos optimizados para PC (con soporte de tecnoloxías como nVIDIA DLSS, nVIDIA DLAA e AMD FSR 2.0), melloras no trazado de raios e sombras melloradas, compatibilidade con teclado e rato e incluso compatibilidade con monitores ultrapanorámicos, xa que está adaptado para resolucións de 16:9, 16:10, 21:9, 32:9 e 48:9. Incluso pode empregarse con 3 pantallas simultáneas mediante nVIDIA Surround ou AMD Eyefinity.
Loxicamente, para poder tirar proveito das maiores resolucións e das prestacións gráficas abanzadas hai que contar cun ordenador moi ben equipado, pero os requisitos mínimos son bastante asumibles, de xeito que en equipos de sobremesa de hai 7 anos é posible gozar deste impresionante título.
O xogo permítenos encarnar a Peter Parker como Spider-Man, protexendo a cidade de New York de ameazas criminais e tamén inclúe as expansións que recibiu o xogo orixinal tras o seu lanzamento, contando así con misións e desafíos adicionais.
Este novo Marvel’s Spider-Man: Remasterizado para PC non só ofrece unha grande experiencia en equipos de grande potencia, xa que conta con selo Steam Deck Verified, ou sexa, que incluso pode xogarse con dignidade na consola portátil de Valve baseada en tecnoloxía de PC.

JPEG - 203.5 KB
O novo xogo soporta configuracións de monitor ultrapanorámico

Tráiler de lanzamento de Marvel’s Spider-Man: Remasterizado para PC

PUBLICIDADE