O Sony Xperia neo L estrearase con Android 4.0.3

martes, 20 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Sony vén de publicar na web as especificacións do novo terminal Xperia neo L (MT25i) que chega para suceder os modelos Neo e Neo V, e que pasa a engrosar a familia de móbiles con Android 4.0.3 de Sony. Aínda non se coñece nin a data de lanzamento nin o prezo que terá este móbil, pero si que funcionará cun procesador Qualcomm MSM8255 a 1 GHz, pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 480 x 854 píxeles, 512 Mb de RAM, 1 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb, cámara traseira de 5 Mpíxeles capaz de gravar vídeo a 720p e outra dianteira para videoconferencia (VGA), Wi-Fi, Bluetooth 2.1, unhas medidas de 121 x 61,1 x 12,2 milímetros e un peso de 131,5 gramos, que estará dispoñible en branco e negro.
Parece ser que este móbil vai estrearse no mercado chinés, descoñecéndose se despois chegará a outros mercados, o que sería bastante interesante, pois estamos ante o primeiro móbil Xperia con Android 4.0, mentres que o resto de terminais aínda está a agardar pola actualización a esta versión do sistema operativo promovido por Google.

PUBLICIDADE