O Solitario entra no Salón da Fama dos Videoxogos

venres, 3 de maio do 2019 Marcus Fernández

Donkey Kong, Doom, Final Fantasy VII, Grand Theft Auto III, The Legend of Zelda, Pac-Man, Pong, Los Sims, Super Mario Bros., Space Invaders e Street Fighter II son algúns dos xogos que forman parte do Salón da Fama dos Videoxogos no museo The Strong en Rochester (New York), e estes días están a ampliar a colección con catro novos títulos moi representativos do seu tempo, como serían a aventura de texto Colossal Cave Adventure de 1976, o polémico e violento xogo de loita Mortal Kombat de 1992, o imprescindible para moitos Super Mario Kart (que dende 1992 non para de ter revisións para novas consolas) e un dos xogos con máis copias da historia, o Solitario de Microsoft.
Quedaron fóra desta selección xogos tan relevantes como Candy Crush Saga, Centipede, Dance Dance Revolution, Half-Life, Myst, NBA 2K, Sid Meier’s Civilization e Super Smash Bros. Melee, pero no caso do Solitario é máis que comprensible a situación, xa que o xogo de naipes de Microsoft, estreado en 1990 como parte de Windows 3.0, pode considerase como un xogo ubicuo, presente en máis de mil millóns de ordenadores e ao que xóganse uns 35.000 millóns de partidas ao ano.
Pero non só a súa dimensión de volume é importante, senón que o Solitario xogou un rol decisivo, ao demostrar que existe un mercado de xogos para case calquera tipo de persoa, e non só para gamers, polo que pode considerarse o pioneiro dos xogos ocasionais que tanto éxito teñen actualmente en dispositivos móbiles e nalgunhas consolas de videoxogos.
Dende Microsoft celebran o recoñecemento cara a este xogo e lembran que o 22 de maio é o Día Nacional do Solitario, conmemoración na que celebran o día no que incorporaron o xogo a Windows.

Vídeo co que Microsoft celebra a incorporación do seu Solitario ao Salón da Fama dos Videoxogos

PUBLICIDADE