O Sistema Miasoft do CITIC, a solución para o complicado diagnóstico da síndrome da apnea do sono

venres, 29 de novembro do 2013 Redacción

Vicente Moret, investigador do CITIC responsable de Miasoft

Fatiga permanente, estrés crónico, patoloxías cardíacas, somnolencia diúrna. Estes son algúns dos síntomas e/ou problemas que pode implicar a síndrome de apnea do sono, unha doenza que en España afecta a aproximadamente 3 millóns de persoas e que pode ocasionar a morte. Pola súa natureza e características, esta síndrome é dificilmente diagnosticable polo paciente ao manifestarse no proceso do sono, algo no que as investigacións do CITIC están traballando para darlle solución. Neste contexto, a creación de Miasoft por integrantes do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) do CITIC, é o último desenvolvemento, e está listo para a súa comercialización inmediata.
Miasoft é un sistema de monitorización intelixente da síndrome de apnea do sono resultado de máis de quince anos de investigación en Intelixencia Artificial que analiza os sinais monitorizados en pacientes sometidos á polisomnografía nocturna, tanto relacionadas coa función respiratoria do paciente, como co sono do paciente.
O sistema Miasoft identifica episodios apneicos durante o sono, clasificándoos en obstrutivos, centrais ou mixtos, e establecendo un diagnóstico global da síndrome no contexto do hipnograma do paciente. Durante estes episodios e segundo o tipo de apnea, a persoa afectada ou sofre unha oclusión das vías respiratorias, ou “esquécese de respirar”, o que provoca unha diminución do osíxeno en sangue. Cando este nivel descende a un 95%, dispáranse todas as alarmas e o individuo responde fisioloxicamente e de formas distintas á hipoxemia asociada.
Entre as vantaxes que presenta Miasoft atópase a súa total adaptabilidade, xa que se trata dun sistema 100% configurable, desde o principio ata o final. En total, Miasoft inclúe 12 canles de monitorización máis o contexto da análise. Para o desenvolvemento do seu software empregáronse diferentes tecnoloxías de lóxica difusa, redes de neuronas e recoñecemento de patróns.
Listo para a súa explotación comercial
Segundo Vicente Moret, Investigador do CITIC responsable de Miasoft, “este sistema está listo para a súa explotación comercial. Realizamos análises exhaustivas próximas aos 15.000 minutos en eventos de difícil clasificación para validar o sistema de xeito meticuloso e con absoluto rigor, contrastando as súas análises coas dos expertos médicos e obtendo uns resultados extraordinarios”.
Na actualidade a versión 1 de Miasoft está rexistrada e segue uns criterios de uso e ergonomía que permiten que sexa empregada en calquera unidade de sono. “Estamos a traballar na versión 2 de Miasoft, que implica un traballo máis complexo có reto da portabilidade, xa que o noso obxectivo é achegar a medicina ao paciente, podendo desprazar Miasoft ao seu domicilio mediante unha aplicación que leve daquela os datos -vía telemática, por exemplo- ata unha unidade centralizada de análise”, engade Vicente Moret.
Ademais das vantaxes médicas de Miasoft, hai outros beneficios asociados ao sistema entre os que se atopa a súa capacidade formativa: a información facilitada por Miasoft é tan concreta que permite mostrar aos estudantes a que se deben os diferentes eventos que recolle o sistema dun xeito sinxelo e cun alto grado de fiabilidade. Incluso o aforro de custos e tempo é outra das melloras que fornece: normalmente, tras unha polisomnografía un especialista do sono ten que dedicar en torno a unhas catro horas a analizar os rexistros, mentres que con Miasoft simplifícase o diagnóstico e en tan só uns minutos realízase unha proposta do mesmo.
Segundo apuntan dende o CITIC, con Miasoft non só se melloran os recursos hospitalarios, tamén se obtén un diagnóstico máis rápido e rigoroso do diagnóstico da síndrome de apnea do sono que afecta aproximadamente ao 85% dos pacientes que sofren algún tipo de trastorno do sono e, posiblemente, unha das máis complicadas de diagnosticar.

Axudas do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas: Agrupación Estratéxica CITIC (CN2012/211). Cofinanciado por:

PUBLICIDADE