O Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo mostra as súas instalacións a estudantes de Monforte

venres, 11 de xaneiro do 2019 Redacción

Un grupo de alumnos do CPR Plurilingüe Fed Torre de Lemos de Monforte inauguraron as visitas guiadas ás instalacións do novo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. O voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, acompañou aos estudantes durante os seu percorrido polo Centro de Produción de Audiovisuais, no que coñeceron os distintos departamentos dunha televisión así como o seu funcionamento, desde as salas de realización e edición até o arquivo.
Santos Ramos animou aos rapaces a estudar no Centro de Formación de Audiovisuais, que, segundo lles fixo saber, é “o único da provincia que imparte ensino superior de realización e produción”.
Tamén lembrou que o Servizo de Audiovisuais da Deputación continuará co programa de visitas didácticas destinadas especialmente ao alumnado dos centros educativos da provincia.
O devandito servizo, como sinalamos recentemente dende Código Cero, é en boa medida o substituto da Fundación TIC da Deputación de Lugo e, polo tanto, terá entre os seus cometidos formar e capacitar en novas tecnoloxías e contidos dixitais e audiovisuais a persoas de todas as idades da provincia, poñendo o foco, especialmente, na xente nova e na xente maior. Esta iniciativa estase a impulsar co ano novo amplificando e optimizando o labor desenvolvido previamente pola Fundación TIC e o seu programa InLugo, de por si encomiábel en materia de alfabetización tecnolóxica.

PUBLICIDADE