O Scratch Day do CPETIG convértese este sábado nun novo chamamento a prol da igualdade nas TIC

venres, 26 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Este sábado 27 celébrase finalmente na Cidade da Cultura de Santiago a terceira edición do Scratch Day, un evento organizado polo CPETIG e a axencia AMTEGA que ten o cometido fundamental de tirar abaixo, dende a nenez, ideas preconcibidas de xénero sobre a programación informática. Ou sexa, derrubar a falsa crenza de que só os nenos están chamados a programar e construír, en definitiva, o mundo dixital. Con este tipo iniciativas o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática quere loitar de cheo contra os problemas de desinformación que están a provocar unha baixa presenza feminina nas carreiras e ámbitos profesionais TIC. A respecto disto, lembrar que recentemente o CPETIG fixo un importante chamamento para inverter a devandita situación.
Volvendo á previsión deste sábado, amais dos ditos obxectivos específicos, a organización do Scratch Day quere converter a Cidade da Cultura, durante toda a xornada, no acubillo “dunha pequena lexión de robotiños, programados por escolares de 7 a 15 anos”. En termos máis concretos, está confirmada a presenza de preto de cen participantes, 30 delas/es escolares e outros 30 nais e pais das/os menores, e os 30 restantes persoas interesadas en formarse para ensinar programación á rapazada.
A sesión, que este ano chega á terceira edición, responde tamén á finalidade de difundir, “de maneira lúdica e divertida”, os valores da programación informática entre os escolares, as familias e os educadores,, “tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión de ideas e de creatividade”.
Respecto dos obxectivos de xénero, o CPETIG lembra que o que se busca con esta actividade é crear un escenario que “faga máis libres aos estudantes á hora de elixir o seu futuro profesional”, alleos a prexuízos e convencionalismos. Para o colexio que preside Marcos Mata, non hai dúbida acerca da efectividade destas xornadas. De feito, se temos en conta o perfil dos asistentes, a asistencia prevista pon de relevo que as nenas están tan interesadas na programación de robots como os seus colegas varóns, “sendo a participación practicamente paritaria”.
O CPETIG desenvolve esta acción contando co entorno familiar, por considerar “decisiva a implicación dos pais e das nais nesta tarefa, como apoio e motivación para que os seus fillos se sintan atraídos pola actividade, de xeito que esta experiencia non sexa unha excepción, senón o principio dun labor que poida seguir no fogar”.
A formación do III Scratch Day será impartida por Código Octopus, unha plataforma de recursos en galego ao servizo do profesorado que desexe introducirse na programación con fins didácticos.
10 anos de Scratch
O Scratch é unha ferramenta didáctica de programación, lanzada hai agora 10 anos, que en palabras do CPETIG “abre numerosas posibilidades creativas como crear historias interactivas, xogos, animacións ou programar robots”.
Ao longo desta década, o Scratch ten revolucionado a aprendizaxe de escolares moi novos, con máis de 18 millóns de persoas usuarias en todo o mundo e máis de 22 millóns de proxectos compartidos.

PUBLICIDADE