O Samsung Z2 será o primeiro smartphone 4G con Tizen

martes, 23 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos Samsung apostou seriamente por Android como sistema operativo móbil de referencia, mantendo como posible plan B o sistema operativo Tizen que, por exemplo, empregaba nos seus smartwatches, pero agora vai un paso máis aló e atrévese a lanzar na India o Samsung Z2, un smartphone 4G que funciona con Tizen e que busca captar ao mundo dos smartphones aos usuarios que veñen dun teléfono móbil básico, para o que chega con aplicacións esenciais pre-cargadas (como WhatsApp, Facebook ou YouTube) e unha serie de características desenvolvidas para a India (como un modo S bike, orientado aos vehículos de dúas rodas) e que sairá á venda o vindeiro día 29 en cor ouro, negra, ou vermella viño a un prezo de 4.590 rupias (60,41 euros).
O axustado prezo do terminal xa dá a entender que estamos ante un dispositivo moi básico. Falamos dun smartphone con pantalla WVGA de 4 polgadas, procesador de 4 núcleos a 1,5 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de até 128 GB), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, dobre SIM e batería de 1.500 mAh. Un smartphone que servirá para probar se Tizen está preparado para o grande público ou, cando menos, se o público pode aceptar un dispositivo que non funcione con Android nun momento no que o sistema operativo promovido por Google é practicamente un estándar adoptado globalmente.

O Samsung Z2 é un smartphone bastante básico, con pantalla de 4 polgadas e 1 GB de RAM que polo momento só venderase na India

PUBLICIDADE