O Samsung Galaxy Z Trifold podería estar a venderse a perdas

mércores, 31 de decembro do 2025 Redacción

Imaxe filtrada do futuro Samsung Galaxy S26 Ultra

A prensa surcoreana está a dar conta do complexo momento que está a vivir a división de telefonía móbiles de Samsung, especialmente á hora de fixar prezos, dado o incremento continuo do custo dos compoñentes, especialmente da memoria, que está a tensionar a marxe de beneficio e a provocar friccións tanto con provedores externos como con outras áreas internas da compañía.
A situación afecta de maneira directa ao lanzamento do Galaxy S26, previsto para febreiro, cuxa presentación xa sufriu atrasos. A escalada do prezo das memorias, impulsada pola demanda do sector da intelixencia artificial e pola redución da produción de módulos máis comúns, está a elevar os custos ata niveis pouco habituais. Algunhas consultoras prevén subas adicionais do 30 ao 40 % ao longo do próximo ano.
A isto súmase a dificultade de manter unha estratexia dual de procesadores. A perda de competitividade dos Exynos obrigou a Samsung a depender en maior medida dos Snapdragon de Qualcomm, o que incrementa o custo final debido ás esixencias de fabricación en procesos avanzados. A compañía surcoreana tenta recuperar equilibrio reintroducindo Exynos nalgúns modelos, mais o peso principal segue recaendo en Qualcomm, que estaría trasladando parte da súa carga financeira ao fabricante surcoreano.
O caso do Galaxy Z Trifold ilustra o dilema actual. O dispositivo, tecnicamente complexo e con produción limitada, chegou ao mercado a un prezo de 3.594.000 wons (2.119 euros), considerablemente menos que os 19.999 iuans (2.435 euros) do Huawei Mate XTs cunha configuración equiparable (con menos capacidade podería rebaixar o prezo a 17.999 iuans, que ao cambio serían 2.191 euros, o que segue a ser máis caro que o móbil de Samsung), pese a que o dispositivo de Samsung é considerablemente máis caro de fabricar ao contar cunha pantalla exterior adicional (mentres que Huawei aproveita a propia pantalla encartable como pantalla exterior, a risco de ter un dispositivo moito máis fráxil).
A pesar do esforzo por reducir o prezo, fontes do sector aseguran que o custo de fabricación supera o prezo de venda, o que converte cada unidade nun produto deficitario. A situación tanto pode pór en perigo a continuidade da liña de produto como solucionarse con prezos moito máis elevados en mercados como o estadounidense (onde a saída do Trifold é inminente) e os países europeos nos que Samsung ouse pór á venda este dispositivo tan atractivo como caro.
No caso do Galaxy S26, a presión é maior: trátase do principal xerador de ingresos da división móbil da compañía, polo que renunciar á marxe de beneficios non é unha opción viable. Un incremento no prezo final podería afectar as vendas, mais manter tarifas similares ás da xeración anterior implicaría asumir unha caída significativa da rendibilidade. A compañía continúa a buscar un punto de equilibrio nun mercado cada vez máis competitivo e sensible ao prezo.