O Samsung Galaxy XCover Pro chega a España

luns, 27 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

No marco do CES de Las Vegas presentouse o Samsung XCover Pro, un smartphone impermeable e a proba de choques que sorprendía por contar cunha batería extraíble de 4.050 mAh, pero do que só estaba confirmado o seu lanzamento en Finlandia, e finalmente Samsung presenta este dispositivo para o mercado profesional español, atendendo así a demanda de produtos elegantes e duradeiros para o contorno empresarial.
Este smartphone non só ten o seu deseño resistente como grande vantaxe, senón que tamén permite empregar os seus botóns programables para a nova función walkie-talkie de Microsoft Teams, de xeito que sería a primeira solución creada por un partner na que se emprega esta funcionalidade de push to talk que axuda a manter o contacto entre profesionais ao longo do día para comunicarse con outros membros do equipo sobre o terreo ou cunha oficina central.
Samsung tamén traballou con KOAMTAAC, Scandit e Visa para facilitar a integración deste smartphone en establecementos comerciais, de xeito que pode converterse nun TPV con lector de códigos de barra e aceptación de pagamentos con tarxetas bancarias contactless.

PUBLICIDADE