O Samsung Galaxy S5 presenta unha versión mellorada en Corea do Sur

mércores, 18 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Samsung non parece querer que o seu Galaxy S5 perda posicións na carreira por ser un dos smartphones insignia do mercado, e aínda que o terminal teña poucos meses (presentouse hai menos de 4 meses) vén de desvelarse unha impresionante revisión en Corea do Sur, que respondería ao nome de Samsung Galaxy S5 LTE-A, que mellora considerablemente na súa pantalla Super AMOLED (que agora presume dunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles), presume do procesador Qualcomm Snapdragon 850 de catro núcleos a 2,5 GHz, leva a súa RAM até os 3 Gb e incorpora soporte para conexións LTE a até 225 Mbps.
Conserva outras características salientables como cámara traseira de 16 Mpíxeles, batería de 2.800 mAh, un grosor de 8,1 milímetros, un peso de 145 gramos e resistencia ao po e á auga. O novo terminal estará dispoñible en negro, branco, azul, rosa e dourado.

PUBLICIDADE