O Samsung Galaxy S25 Edge presentarase a vindeira semana

xoves, 8 de maio do 2025 Marcus Fernández

Levamos varios meses escoitando que tanto Apple coma Samsung están a preparar smartphones de alta gama nun formato extremadamente delgado, que no caso da compañía surcoreana sería o futuro Samsung Galaxy S25 Edge, que será o primeiro en chegar ao mercado, tendo xa fixada a súa data de presentación: o vindeiro día 13.
O Samsung Galaxy S25 Edge aseguran que non será só un smartphone móbil delgado, senón que tamén ofrecerá unha «experiencia de cámara definitiva» a través dun obxectivo de 200 Mpíxeles apoiado pola intelixencia artificial para conseguir novas habilidades creativas.
A grande incógnita sobre este novo tipo de produtos, que dan prioridade ao deseño fronte á autonomía (xa que ao adelgazar o dispositivo redúcese a capacidade da súa batería), é se os consumidores os recibirán positivamente ou rematarán sendo unha anécdota.