O Samsung Galaxy S10 5G é o smartphone con mellores cámaras do mercado

mércores, 17 de abril do 2019 Marcus Fernández

Aínda que semellaba que Huawei tiña garantido o liderado nas cámaras de smartphones, este ano non están a pórlle as cousas doadas, e Samsung está a conseguir superar ao fabricante chinés cos seus últimos móbiles insignia, e ao igual que cando saíu o Galaxy S10+ conseguiu igualar en puntuación de cámara traseira ao Huawei Mate 20 Pro e destacar coa mellor cámara frontal do mercado, tras o lanzamento do Huawei P30 Pro mudaran lixeiramente as tornas até que o Samsung Galaxy S10 5G pasou polos laboratorios de DxOMark e conseguiu igualar en puntuación da cámara traseira ao P30 Pro e superar incluso na cámara frontal ao S10+, ou sexa, que convértese no smartphone líder en cámaras e incluso consegue marcar o fito de ter a primeira cámara de smartphone que supera a puntuación de 100 en vídeo (cómpre matizar que as puntuación de DxOMark non teñen un valor máximo).
O Samsung Galaxy S10 5G non se diferencia dos seus irmáns polo feito de contar con conectividade móbil 5G, senón que tamén engade un sensor de profundidade ás 3 cámaras traseiras, o que supón unha lixeira mellora destas xa excelentes cámaras, salto que resulta suficiente para que este teléfono quede sen rivais a nivel de cámaras.
Cómpre salientar que o Galaxy S10 5G non é un dispositivo que vaiamos atopar de xeito doado no mercado, xa que as redes 5G aínda non están en fase comercial, de xeito que principalmente será un dos poucos smartphones que as compañías de telecomunicacións empregarán nos seus programas pilotos para ir probando sobre o terreo a vindeira xeración de telefonía móbil que pretende ser realidade en 2020.

PUBLICIDADE