O Samsung Galaxy S WiFi 3.6 chega para competir co iPod Touch, tanto en prezo como en prestacións

xoves, 22 de decembro do 2011 Marcus Fernández

A distancia que separa aos móbiles dos reprodutores multimedia portátiles cada vez é menor, e para demostralo chegou estes días ao mercado español o Samsung Galaxy S WiFi 3.6, un reprodutor con sistema operativo Android 2.3, procesador a 1 GHz, pantalla táctil de 3,65 polgadas cunha resolución de 480 x 320 píxeles, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC), micrófono, altofalante integrado, radio FM, GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, 2 cámaras, unhas medidas de 62,3 x 114,9 x 9,65 milímetros e un peso de 109,1 gramos, polo que estariamos ante unha interesante alternativa ao iPod Touch de Apple.
Estamos ante unha opción excelente para quen quere fuxir dun sistema pechado coma os de Apple, pois este reprodutor incluso conta con acceso ao Android Market (algo que restrinxen dispositivos semellantes doutros fabricantes). O prezo é moi competitivo (159 euros como prezo de venda recomendado, aínda que nos últimos días puido atoparse máis barato nalgunha das cadeas que o comercializan) e, aínda que ten unha pantalla claramente inferior, supera ao iPod Touch en versatilidade, xa que entre as súas grandes diferenzas están a posibilidade de ampliar a súa capacidade de almacenamento mediante tarxetas de memoria, gozar de batería extraíble, ter GPS, permitir a recepción de emisoras de radio, non precisar do uso de iTunes e poder cargarse a través dun conector micro USB. Tamén resulta atractivo o feito de non ter que converter os formatos de ficheiro multimedia máis populares, xa que o reprodutor de Samsung pode reproducir sen problema vídeos en DivX sen ter que convertelos e incluso conta coa tecnoloxía de audio SoundAlive, que realiza axustes segundo a fonte sonora para conseguir que se escoite de xeito óptimo. A nivel de software tamén incorpora compatibilidade coa tecnoloxía Smart View (para poder converter o reprodutor no mando a distancia dun televisor Smart TV ou achegar sen fíos ao Galaxy S WiFi contidos televisivos mediante streaming) e a aplicación Social Hub (que unifica varias redes sociais para axilizar a súa consulta por parte do usuario).

Ao Samsung Galaxy S 3.6 Wifi non lle faltan xogos como os Angry Birds

PUBLICIDADE