O Samsung Galaxy Note10 chegará en dous tamaños de pantalla e con numerosas innovacións

mércores, 7 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Samsung celebrou hoxe o seu evento Galaxy Unpacked 2019 para dar a coñecer os novos smartphones Galaxy Note10 e Galaxy Note10+, liña de dispositivos premium que combinan un elegante deseño con potentes ferramentas de rendemento e produtividade, converténdose nunha solución que se adapta a usos profesionais e persoais grazas ás súas moitas posibilidades.
Estamos ante a primeira ocasión na que Samsung opta por ofrecer o seu novo Galaxy Note en dous tamaños, de xeito que teremos un Galaxy Note10 con pantalla Dynamic AMOLED de 6,3 polgadas con resolución Full HD+, mentres que o Galaxy Note10+ e o Galaxy Note 10+ 5G contará cunha pantalla Dynamic AMOLED de 6,8 polgadas con resolución Quad HD+, converténdose nos móbiles desta familia coa pantalla de maior tamaño até o momento.
Pese ao grande tamaño das pantallas, Samsung conta cun deseño que aproveita o espazo dos dispositivos de extremo a extremo, permitindo así que o seu agarre continúe a ser confortable, e para reducir os marcos inferior e superior mantendo a simetría optaron por unha pantalla perforada para albergar a cámara frontal no centro da parte superior (quedando a parte inferior da pantalla reservada para un lector de pegadas dixitais ultrasónico).
O S Pen é a principal característica da serie Note, e desta volta non se limita a mellorar a súa autonomía (que agora dura horas) e facilitar o disparo da cámara fotográfica a distancia a través de Bluetooth, senón que tamén permite o control do smartphone a distancia mediante xestos, prestación limitada polo momento a unhas poucas aplicacións (como a de cámara) pero que xa conta cun SDK para poder ser aproveitada polos desenvolvedores que o desexen.
Unha prestación moi interesante dos dispositivos de alta gama de Samsung é Samsung DeX, que conectando o smartphone a unha pantalla mediante cable permite empregar o teléfono dun xeito semellante a un ordenador persoal, pero agora abre unha posibilidade máis: poder conectar o smartphone a un ordenador persoal por USB e así poder empregar directamente o móbil na pantalla do ordenador (aproveitando o teclado e o rato do mesmo) e poder tamén arrastrar e soltar ficheiros entre os dispositivos.
Pero Samsung DeX non é o único xeito de conectar os Note10 ao PC, xa que estes smartphones contan con conexión directa a Windows 10 para que, mentres un usuario estea a traballar no seu equipo informático poida ver as notificacións do móbil, enviar e recibir mensaxes e revistar as fotografías recentes sen ter que botar man do teléfono.
As prestacións das cámaras melloraron substancialmente, non só pola súa configuración (composta por cámara frontal de 10 Mpíxeles e cámara traseira tripla que no caso do Note10+ tamén inclúe un sensor de profundidade), senón polo seu software, que inclúe numerosas innovacións. Temos así que agora os Note10 integrarán software de edición de vídeo, poderanse aplicar distintos efectos de desenfoque de fondo aos vídeos (algo que até o momento estaba relegado ás fotografías), mellórase a estabilización de imaxe e tamén se inclúe unha función de Zoom Audio (que permite centrar o son no elemento que esteamos a enfocar).
Entre as funcións creativas que incorporan os Note10 sorprendeu a posibilidade de realizar debuxos en realidade aumentada, ou sexa, que co S Pen é posible debuxar elementos en pantalla que quedarán asociados a obxectos reais, aos que seguirán ao mover a cámara. No caso do Note10+ tamén pode aproveitarse o sensor de profundidade para escanear obxectos de xeito tridimensional e convertelos nunha representación 3D móbil e editable.
O Modo Noite, que é unha das prestacións máis demandadas polo público para tomar instantáneas con pouca luz, xa non se limita á cámara traseira, e nos Note10 tamén estará dispoñible na cámara frontal, permitindo así disparar selfies en condicións de moi pouca luz.
A nivel de potencia tampouco quedan curtos, e incorpora procesadores de 8 núcleos e 64 bits fabricados a 7 nanómetros; no caso do Note10 chega con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, mentres que o Note10+ funciona con 12 GB de RAM e 256/512 GB de almacenamento; e as súas baterías son de 3.500 mAh no Note10 e 4.300 mAh no Note10+, sendo compatibles con carga rápida con cable e sen fíos, aínda que cómpre lembrar o feito de que para gozar da carga de 45 watts (que carga o móbil por completo en só 30 minutos) é preciso mercar o cargador por separado.
Os novos Note10 tamén contan con Wi-Fi 6, NFC (compatible con Samsung Pay), Bluetooth 5.0 e grandes velocidades de descarga a través de redes móbiles (po4 chegar aos 2 Gbps de descarga por 4G e até 150 Mbps de subida); aínda que na conectividade cómpre advertir dun detalle: carecen de conector para auriculares (os auriculares AKG incluídos co teléfono empregan o conector USB-C), o que algúns consideran que é o comezo da fin do minijack de auriculares (xa que Samsung era un dos poucos fabricantes que se resistían a eliminalo).
Estes novos móbiles chegarán ao mercado o 23 de agosto, e o prezo do Galaxy Note10 será de 959 euros, mentres que o Galaxy Note10+ custará 1.109/1.209 euros en función da capacidade do seu almacenamento interno. Tamén teremos un Galaxy Note10+ con 5G e 512 GB de almacenamento por 1.309 euros.

Vídeo de presentación dos novos Samsung Galaxy Note10

PUBLICIDADE