O Samsung Galaxy Fold 2 podería soportar S Pen e ter unha pantalla secundaria de grande tamaño

martes, 21 de abril do 2020 Marcus Fernández

A pantalla principal do Fold 2 tería un tamaño de 7,59 polgadas e unha velocidade de refresco de 120 Hz

O lanzamento do Samsung Galaxy Fold foi algo accidentado, e chegou como un produto cun prezo moi elevado e unhas prestacións que non xustifican tal investimento, o que podería mudar coa seguinte xeración do produto, do que filtráronse detalles moi importantes, que indicarían que estaremos ante un produto de alta gama e grande versatilidade.
O Galaxy Fold 2 tería unha pantalla principal de 7,59 polgadas cunha resolución de 2.213 x 1.689 píxeles cunha velocidade de refresco de 120 Hz, pero o máis interesante é que aseguran que a súa pantalla externa en vez de ser dunhas ridículas 4,6 polgadas como o primeiro Fold, tería un tamaño de 6,23 polgadas, ocupando practicamente todo o espazo dispoñible. Esta pantalla tería unha resolución de 2.267 x 819 píxeles e unha velocidade de refresco de 60 Hz.
De superarse a característica máis criticada do Fold (a pequena pantalla secundaria) quedaría ver que outro elemento podería disparar o seu atractivo, e aseguran que tería soporte para S Pen, o que si podería mudar completamente o xeito de percibir este produto, xa que gañaría moito valor para contornos profesionais.
O que si desbotan os últimos rumores é o feito de que o Galaxy Fold 2 vaia contar con cámaras ocultas baixo a pantalla, tecnoloxía que xa existe, pero que non estaría madura dabondo para a súa incorporación nun produto deste tipo que está previsto que vexa a luz no mes de xuño.

A pantalla secundaria do Galaxy Fold 2 tería unhas dimensións xenerosas (6,23 polgadas) facilitando que o produto encartado fose máis práctico.

PUBLICIDADE