O Samsung GALAXY Note II supera os 5 millóns de móbiles vendidos

luns, 26 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O volume de vendas dos móbiles Samsung está a acadar elevadísimas cotas nos últimos meses, e así a primeiros de mes falábamos de que o Samsung GALAXY S III superaba os 30 millóns de unidades vendidas e o GALAXY Note II tamén superaba os 3 millóns, e agora sorprenden celebrando que antes de rematar o mes o mesmo GALAXY Note II conseguiu superar os 5 millóns de móbiles vendidos a nivel mundial, o que é unha cantidade impresionante para un phablet ou tabletófono, pois estamos ante un produto que vai dirixido a un público moi concreto, por estar a medio camiño entre móbil e tablet.
Se botamos a vista atrás vemos que o primeiro GALAXY Note tardou 5 meses en superar os 5 millóns de móbiles vendidos, mentres que o seu sucesor só tardaría 2 meses en superar tal marca, converténdose nun dispositivo moi demandado en todo o mundo.
O Samsung GALAXY Note II estreouse con Android 4.1, un procesador de catro núcleos a 1,6 GHz, 2 Gb de RAM, almacenamento interno de 16/32/64 Gb (ampliables mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), conectividade HSPA+/LTE, batería de 3.100 mAh, cámaras de 8 e 1,9 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, Wi-Fi Direct, NFC, GPS e a posibilidade de funcionar cunha stylus S Pen na súa pantalla Super AMOLED de 5,5 polgadas cunha resolución de alta definición a 720p.

PUBLICIDADE