O Samsung GALAXY ATIV Q permite correr aplicacións de Android baixo Windows 8

xoves, 20 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O evento Samsung PREMIERE 2013, organizado para amosar novos produtos das familias GALAXY e ATIV, sorprendeu en boa medida por ser capaz de casar ambos mundos (Android e Windows) nun dos seus produtos, xa que o tablet ATIV Q sorprendeu por ter un modo de funcionamento dual, de xeito que é capaz de correr Windows 8 e Android 4.2.2 ao mesmo tempo, de xeito que supera así o atranco que supón a escaseza de aplicacións pensadas para equipos táctiles baseados en Windows. A solución adoptada incluso permite abrir as aplicacións de Android dende Windows e transferir ficheiros ou compartir cartafoles de Windows 8 a Android, converténdose nunha extraordinaria fusión entre o mundo móbil e o PC.
Este tablet chega cunha pantalla de 13,3 polgadas cunha impresionante resolución de 3.200 x 1.800 píxeles, inclúe un S Pen para poder empregar a súa pantalla táctil con precisión cando sexa preciso e incluso pode transformarse para facilitar o acceso a un teclado completo que integra, converténdoo nun ordenador portátil, todo insto nun grosor de 13,9 milímetros e un peso de 1,29 quilogramos, polo que podemos velo como unha mestura bastante atinada entre Ultrabook e tablet. No interior do equipo temos un potente procesador Intel Core i5, unha gráfica Intel HD 4400, 4 Gb de RAM e 128 Gb de SSD, así como unha batería que dótao dunha autonomía de ata 9 horas.
Pero este produto de alta gama non vai estar ao alcance de todos os petos, e así Samsung presentou tamén o ATIV Tab 3, que confórmase en presentar como unha opción que busca simplemente un escritorio informático moi transportable, un tablet coa potencia dun PC. Temos así un equipo cun procesador Intel Atom Z2760, 2 Gb de RAM, 64 Gb de almacenamento interno, pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles compatible con S Pen (incluído) e sistema operativo Windows 8 coa edición doméstica do Microsoft Office incluída, que carece de teclado integrado, pero que compensa as súas limitacións pesando só 550 gramos, tendo un grosor de só 8,2 milímetros e gozando dunha autonomía de ata 10 horas.

PUBLICIDADE