O Samsung ATIV S comeza mañá a súa comercialización europea

xoves, 13 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Resulta curioso que o primeiro móbil con Windows Phone 8 que se amosou en público, o Samsung ATIV S, vaia ser o derradeiro en chegar ao mercado, non sendo Samsung capaz de adiantarse a HTC e Nokia, pero finalmente os rumores que apuntaban a que o novo móbil da marca surcoreana poderían non chegar ao mercado ata febreiro demostraron non estar ben fundados, e o operador británico Clove xa permite a súa reserva, á vez que a grande tenda en liña europea Expansys xa acepta pedidos polo mesmo a un prezo de 559,99 euros, agardándose a súa dispoñiblidade para mañá mesmo.
Deste xeito, o Samsung ATIV S chegaría a tempo para o Nadal, aínda que polo momento non sabemos de ningún operador español que vaia distribuír este smartphone de xeito subvencionado ou financiado.
Lembremos que o Samsung ATIV S é un dos móbil con Windows Phone 8 máis completos, que pese a carecer de prestacións innovadoras como o estabilizador óptico de imaxe ou a carga de batería sen fíos (características presentes no Nokia Lumia 920) preséntase como o terminal de alta gama máis equilibrado que destaca polos seus reducidos grosor (8,7 milímetros) e peso (135 gramos), detalles moi axustados para un móbil cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento, pantalla Super AMOLED de 4,8 polgadas, lector de tarxetas microSDXC, conectividade móbil de ata 42 Mbps de descarga de datos, NFC, cámaras de 8 e 1,9 Mpíxeles, Bluetooth 3.0, Wi-Fi N (e Wi-Fi Direct), NFC e unha xenerosa batería de 2.300 mAh. Un magnífico terminal ao que os interesados no novo sistema operativo móbil de Microsoft deberían botar un ollo.

PUBLICIDADE