O Salvador comeza a usar oficialmente BitCoin

martes, 7 de setembro do 2021 Marcus Fernández

O Goberno do Salvador pon hoxe en funcionamento a billeteira electrónica Chivo Wallet, coa que pretenden que os salvadoreños poidan operar con BitCoin de xeito oficial, destacando que o uso da moeda virtual é opcional e ninguén está obrigado a empregala, manténdose o dólar como moeda de referencia para os prezos, os salarios e os rexistros contables do país, aínda que consideran que «a circulación do BitCoin axudará a crear novas oportunidades de comercio, busca de novos socios, reducir custos para as operacións monetarias cotiás e facilitar a inclusión financeira».
A Asemblea Lexislativa do Salvador aprobou a chamada Lei BitCoin o pasado 8 de xuño, con grandes dúbidas sobre a súa constitucionalidade, xa que a intención inicial era que o BitCoin fose unha moeda de curso legal, ou sexa, de aceptación obrigatoria, e finalmente queda como un medio de pagamento válido, pese ao rexeitamento xeral da poboación, que entende que a moeda virtual é inestable e basicamente se utilizaría para branquear cartos. De feito, este malestar da cidadanía obrigou a que os máis de 200 caixeiros automáticos de BitCoin instalados no país teñan que estar custodiados polo Exército ante o temor de que sufran actos de vandalismo.
Para fomentar o uso de BitCoin os salvadoreños recibirán 30 dólares en BitCoin a través de Chivo Wallet, aínda que polo momento son moi poucos os establecementos que anunciaron a aceptación desta forma de pagamento (e moitos parecen estar a facelo con campañas de promoción destinadas ao consumo dos 30 dólares iniciais).
Cómpre lembrar que o BitCoin non se deseñou como unha moeda de curso legal, que soporte operacións do noso día a día, por só poder procesar entre 3,3 e 7 transaccións por segundo, moi lonxe dos milleiros de operacións que chegan a realizarse cada segundo nas operacións con tarxetas bancarias.

PUBLICIDADE